sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

A federación veciñal tramitará a solicitude de prazas nos xeriátricos e centros de día da Xunta

Reuniu a 3.500 persoas na comida do Día do Veciño, festa que incluíu unha feira artesanal ► Entregáronse un total de 27 V de Veciño a proposta de varias das 240 asociacións que forman o colectivo

A federación veciñal recollerá documentación para os ingresos en xeriátricos e centros de día, tanto da Xunta como concertados segundo o seu proxecto. O anuncio fíxose este domingo durante o Día do Veciño e o papel da organización veciñal será o de informar e facilitar os trámites aos futuros usuarios, principalmente do medio rural, que evitarían, desta forma, un desprazamento a Lugo ou a unha xestoría, segundo informou o presidente do movemento, Jesús Vázquez.

Estas xestións, de carácter gratuíto, faranse co persoal que a federación veciñal contrate a través dos plans de emprego da Deputación e o Concello. "Con este servizo, axudarémoslle á xente a facer eses trámites sen ter que ir a unha xestoría. Nós dirémoslles que documentación necesitan, cubriremos as instancias e entregaremos os papeis no Rexistro, tanto para as residencias públicas como para as concertadas", manifestou Jesús Vázquez.

A federación veciñal, que reúne a 240 asociacións de toda Galicia, volveu demostrar este domingo, unha vez máis, a súa capacidade de convocatoria ao reunir, nesta décimo quinta edición do Día do Veciño, a 3.500 persoas nunha comida celebrada no Pazo de Feiras e Congresos, na que tamén se entregaron as tradicionais V de Veciño.


A organización aproveitou a xornada para reclamar, de novo, a construción dun aparcadoiro gratis no Hula


Nesta ocasión, os galardoados foron vinte e oito lucenses. Entre eles, as alcaldesas de Lugo e Guitiriz, Lara Méndez e Regina Polín; o concelleiro do PP en Lugo Enrique Rozas; o exalcalde de Portomarín Eloy Rodríguez; o xornalista de Radio Lugo Pepe Seijo; o xerente de Leite Río, Jesús Lence; o director de Abanca en Lugo, Walter Álvarez, e o presidente de Cruz Vermella, Luis Abelleira. Tamén houbo un recoñecemento para o director da banda de gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Luis Foxo, que acudiu ao acto coa súa agrupación.

Os premios foron entregados polo conselleiro de Economía, Francisco Conde; o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; o presidente da Deputación, Darío Campos; a alcaldesa, Lara Méndez, e o presidente da Audiencia, José Antonio Varela Agrelo, que o entregou a Lara Méndez. A rexedora fixo fincapé na colaboración necesaria entre os veciños e o Concello. "Desde o Concello sabemos que podemos contar cos veciños do mesmo xeito que vós contades co Concello", destacou.

Pola súa banda, a federación veciñal aproveitou a cita para, entre outras cousas, reclamar un aparcadoiro gratuíto no Hula, o fin do monopolio da ITV, un novo xeriátrico e orzamentos participativos na Xunta. A festa terminou cun sorteo e baile improvisado por parte dalgúns comensais, que non se rendían a unha xornada que comezou cun partido de fútbol entre veciños e xornalistas e que incluíu unha feira artesanal e actuacións dos Valuros, Bolboreta e a banda de gaitas da Deputación de Ourense.


A federación veciñal tramitará a solicitude de prazas nos...
comentarios