sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

A federación veciñal solicita que se amplíen as frecuencias dos buses

2020082211220014979
Estado que presenta unha marquesiña de bus na Avenida de Madrid. SEBAS SENANDE
Denuncia tamén a deterioración que sofren algunhas marquesiñas por actos vandálicos e reclama que se arranxen os paneis informativos para saber canto será o tempo de espera

A Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti demanda ao Concello que se reestruturen xa as liñas de buses, á vez que tamén denuncia o "deficiente" e "lamentable" estado, di, no que se atopan varias das marquesiñas onde os usuarios esperan o autobús urbano, que son obxecto habitualmente de actos vandálicos. "Atopamos marquesiñas con paneis estragados e vidros rotos constituído un perigo para os usuarios dos buses urbanos", explica Jesús Vázquez, presidente da federación veciñal.

Segundo o colectivo, no concello de Lugo hai máis de vinte marquesiñas que, actualmente, están en mal estado, ademais de sucias. Por iso mesmo, a federación pide un servizo de limpeza e mantemento periódicos.

A federación veciñal tamén pide melloras no servizo de buses, tanto a nivel de frecuencia como de información. "Vemos preciso que en cada parada exista un panel coa información dos autobuses que pasan, os horarios e o tempo restante ata a chegada de cada bus, servizo que actualmente non temos", di Jesús Vázquez.

Outra petición veciñal é que se controle que as dársenas de parada estean sempre libres "para que os autobuses non teñan que parar na vía pública", indica o presidente do colectivo.

A federación veciñal insiste tamén na necesidade de que se aumente a frecuencia das conexións a distintos puntos da cidade como o Hula ou o campus. Jesús Vázquez engade tamén que se extremen as medidas de desinfección e limpeza nos vehículos, dada a situación que se está vivindo coa pandemia.

O colectivo de veciños pide, ademais, ao Concello que amplíe os descontos a familias numerosas e a usuarios diarios.

Tamén propón que os buses cheguen á zona rural e fagan campañas periodicamente para incentivar o uso do transporte público e utilizar menos os vehículos particulares. "Nós apostamos polo uso do transporte público. Un transporte que debe ser barato, cómodo, rápido e eficaz", afirma Jesús Vázquez.

Aparcadoiros:Prazas para bicis, motos e patinetes
A federación de asociacións de veciños Lucus Augusti pide, por outra banda, que o Concello constrúa prazas de aparcadoiro para outros vehículos que non sexan coches.
¿Para que tipo de vehículos serían?
O colectivo refírese a que se dispoñan estacionamentos para bicicletas, patinetes eléctricos e tamén para motos.
¿Deberíase controlar o uso de patinetes?
O presidente da federación de veciños, Jesús Vázquez, considera que o Concello debería exercer un control sobre o uso dos patinetes eléctricos. Neste sentido, Vázquez propón que a institución municipal elabore unha normativa para regular o tránsito dos patinetes eléctricos por Lugo.

A federación veciñal solicita que se amplíen as frecuencias dos buses
comentarios