
A federación veciñal, desde a plataforma Lugo non perdas o tren, pide á Xunta que cre unha empresa de tren galego, aproveitando a liberalización do sector que se iniciará este ano e continuará os seguintes. Reclama, en concreto, que se conecte Lugo con Santiago de Compostela e recorda que é a única capital de provincia sen enlace directo coa capital galega. "É algo que a ninguén se lle pode escapar que é primordial de cara ao futuro", explica nun comunicado.
Por outra banda, tamén reclama a conexión de Lugo coa Mariña. "Os portos lucenses teñen que estar conectados de forma directa coas liñas estatais de pasaxeiros e mercancías e ese enlace, débenos levar a Lugo e Santiago a enlazar coa rede Atlántica cara ao norte de Portugal", conclúe.
Expresa a certeza de que este é o momento de poñer en marcha esa iniciativa e de que a liberalización "vai revolucionar dunha forma moi importante e diferente a mobilidade do transporte de pasaxeiros e mercancías nun futuro moi próximo, que vai implicar unha esixencia á nosa autonomía e ás demais na forma de transportar os viaxeiros e na forma de planificar novas infraestruturas comunitarias".
No comunicado recórdase que o desenvolvemento dun tren galego era unha posibilidade incluída no Estatuto de Autonomía e non desenvolvida. "Non se fixo nada por vertebrar Galicia a nivel ferroviario", conclúe e pide que se recupere o tempo perdido canto antes e que a Xunta e o Parlamento galego poñan en marcha a súa proposta.