A federación veciñal pide converter Calde nunha residencia de maiores

O colectivo considera que o cambio no hospital, dedicado agora a saúde mental, axudaría a desconxestionar as listas de espera para obter praza nun centro público da terceira idade
2020081512145341951
photo_camera Entrada principal do Hospital de Calde. EP

A Federación de Asociacións de Vecinos de Lugo anuncia unha proposta para transformar o Hospital de Calde nunha residencia pública da terceira idade, que trasladará ao Goberno galego.

Jesús Vázquez, presidente do colectivo veciñal e tamén en nome de Galicia Baleira, afirma que "agora é o momento de facer pública a proposta e agardar unha resposta, xa que para nós é totalmente posible".

A principal razón para o cambio, segundo explica Vázquez, é a necesidade de desconxestionar a media de dous anos de lista de espera para obter praza nunha residencia pública. "Dende a creación da residencia pública das Gándaras fai corenta anos non se crean prazas públicas nin no concello nin na contorna", explica o dirixente veciñal.

CUSTO. Así mesmo, sinala que outro punto a ter en conta é o envellecemento da poboación en Lugo e, polo tanto, a necesidade de pedir prazas públicas en centros de día e residencias. Tamén sinala que os usuarios "acaban cos aforros, xa que cunha pensión de 700 euros non é doado pagar 2.000 euros pola estancia nunha residencia privada".

Outra razón que teñen en conta é o desarraigamento que sofren aqueles lucenses que conseguen praza nunha residencia pública de fóra da provincia. Para Jesús Vázquez, o arraigamento é fundamental para unha persoa maior, que está afeita a unha contorna e que facilite as visitas familiares.

A proposta da federación veciñal non require dun alto investimento, xa que, segundo afirma o seu presidente: "O edificio xa está listo e dotado para prestar ou servizo e o único cambio sería a nivel legal para convertelo nun centro sociosanitario", di.

A accesibilidade, a comunicación, a contorna e as instalacións son os puntos fortes do Hospital de Calde, dedicado agora a centro de atención a enfermos mentais, quen tamén son tidos en conta na proposta veciñal. "As persoas que sofren problemas de saúde mental poden ser trasladados ao Hula", manifesta Jesús Vázquez.

Un hospital "infrautilizado"
Ángel Rodríguez Abuín, membro da Asociación de Vecinos de Esperante e coordinador do colectivo Lugo en Pé pola Defensa do Rural, achega a súa visión acerca da proposta.

"O hospital ten preto de 260 prazas e o número de enfermos está entre 40 e 70", ilustra Ángel Rodríguez, que engade que o edificio está ben conservado e cumpre con todas as condicións para unha residencia da terceira idade. "O investimento sería mínimo e podería ser unha das residencias de persoas de maiores mellor dotada de Galicia", afirma.

Función social
Ángel Rodríguez destaca que o Hospital de Calde presta un servizo social a persoas que non contan con apoio familiar. Así, considera que aqueles en peor situación poderían destinarse á unidade especial do Hula.

Comentarios