A federación veciñal de Lugo apoia unha residencia de anciáns xunto ao Hula

Ve urxente o centro previsto pola Xunta, dada a lista de espera

A Federación de Asociacións de Veciños avoga porque a Xunta faga en San Cibrao a nova residencia da terceira idade que ten previsto construír na capital. 

A organización veciñal subliña que San Cibrao ten xa todos os servizos necesarios, está ben comunicado e, ademais, está xunto ao hospital, un factor algo especialmente relevante para os anciáns, que requiren con frecuencia atención sanitaria, destaca a entidade. A Xunta, ao avanzar o seu proxecto para o novo centro residencial para maiores, barallara a construción en Lugo dunha residencia con 200 prazas, ademais de con centro de día, outro servizo que demandan moitas familias. 

A federación sostén que o proxecto debe abordarse con urxencia, dado que en Lugo hai unha lista de espera de dous anos para acceder a unha praza nunha residencia pública, asegura. 

Defende a localización de San Cibrao como a máis idónea de todas as propostas polo Concello, que propuxo unha decena de solares municipais que se poderían ceder á Xunta.

Comentarios