martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

Familiares das vítimas do Cash Récord: "Agora si que se investigou"

Manuel Juan V C principal sospechoso del crimen del Cash Récord VICTORÍA RODRÍGUEZ
Manuel Juan V.C., principal sospechoso del crimen del Cash Récord. VICTORÍA RODRÍGUEZ
A irmá dunha da asasinadas espera que se abra xuízo contra o acusado tras achar a xuíza "serios indicios de criminalidade"

Isabel López, irmá dunha das dúas persoas que foron asasinadas hai case tres décadas no dobre crime de O Ceao, confía en que o final da investigación por parte do xulgado e a conclusión por parte da instrutora da existencia de serios "indicios racionais de criminalidade" por parte do único investigado deriven na apertura de xuízo.

"Non sabía moi ben como interpretalo", recoñeceu Isabel López a Efe, pero "falei co avogado e díxome que é un paso moi importante e que imos polo bo camiño". Agora, recoñeceu, hai que "esperar ao que decida a Audiencia Provincial" que ten que pronunciarse en relación coa causa, ben coa apertura de xuízo oral ou co arquivo das dilixencias practicadas.

"Puxéronselle sobre a mesa as probas, todo o que loitamos durante estes anos. Creo que é unha decisión fácil de tomar", dixo Isabel López, especialmente despois de que a xuíza instrutora apreciase indicios de criminalidade suficientes como para atribuírlle ao procesado os dous asasinatos. "Entendo, aínda que son unha persoa do montón, que se practicaron todas as probas para chegar a esas conclusións", engadiu a irmá da caixeira asasinada. "Agora si que se investigou", conclúe.

O CASO. O xulgado, que indica que non cabe recurso contra este auto, dá por concluída a investigación, remite o sumario á Audiencia Provincial de Lugo, para que decida se arquiva o caso ou abre xuízo oral e empraza ás partes acudidas en dez días ante este tribunal.

dobre crime de Cash Récord tivo lugar o 30 de abril de 1994 nunha nave do polígono industrial do Ceao, en Lugo, onde foron asasinados a tiros unha caixeira e un reponedor do establecemento durante un atraco. As vítimas foron Elena López Lens, que tiña 32 anos de idade e que deixaba a dous fillos orfos de 6 e 4 anos, e Esteban Carballedo Teijeiro, solteiro e de 25 anos.

Unha caixeira e un reponedor foron asasinados a tiros durante un atraco o 30 de abril de 1994

O botín ascendeu a 3.777.026 pesetas (22.700 euros) en metálico e talóns bancarios con importes de 542.149 pesetas (3.258 euros), que se atopaban nunha caixa de caudais.

O procesado, de 54 anos de idade e que é natural do País Vasco, rexentaba un bar na Ruanova da capital lucense cando ocorreu o dobre crime. Anos despois se trasladou a Burgos, onde continuou a súa vida profesional na hostalería.

O acusado, que segue en liberdade tras declarar no xulgado no pasado mes de xullo, xa suscitou sospeitas por outro atraco similar a man armada labor dous anos antes no Cash Miño, do que tamén fora cliente, e vinculóuselle ao crime dun mozo cuxo cadáver foi achado en 1997 nas inmediacións do cemiterio de Outeiro de Rei.

A irmá da caixeira asasinada, Isabel López, xunto a outros familiares, organizou durante estes 27 anos actos para que non prescribise o caso e que non se pechase sen resolver.

Familiares das vítimas do Cash Récord: "Agora si que se investigou"
comentarios