Fallos que desbaratan a economía persoal

Unha lucense di que non recibe o seu soldo por un fallo bancario e un empresario non logra que lle cobren a luz
undefined
photo_camera Josefa Nogueira. XESÚS PONTE

Que a nómina se ingrese en prazo na conta bancaria do traballador ou que ao cliente lle manden  regularmente a factura da luz desde a eléctrica son cousas que todo o mundo dá por sentado. Pero non sempre ocorre e cando hai un fallo a economía doméstica pode saltar polo aire.

É o que Josefa Nogueira denuncia que lle está pasando. Esta traballadora do Hula está habituada a que a súa nómina quede ingresada na súa conta cada día 30 do mes. Este mes o banco non fixo o ingreso, pero si lle pasou as facturas habituais, de modo que a día 5 estaba xa en apertos.

O problema, di, non está no Sergas, que xa lle confirmou que a súa nómina foi abonada e díxolle que hai polo menos outra traballadora co mesmo problema.

O fallo, di, está no BBVA. Conta que na entidade lle aseguran desde hai días que o problema se vai a resolver esa mesma xornada, pero ao final non lle fan o ingreso do seu salario.

A lucense confésase xa desesperada. E é que ao atraso no ingreso súmanse as trabas que lle pon para atendela. A pesar de que a situación é perentoria, di que se negan a atendela e ocuparse de solucionar a situación estando ela alí presente, alegando que sen cita previa non poden recibila na oficina da entidade.

Sospeita que o problema está en que o banco está a preparar o peche de oficinas —a súa está na Avenida da Coruña— e por eses reaxustes están a cambiar números de contas bancarias dos clientes.

undefinedOutro caso é o do empresario lucense Juan Carlos López, que a finais de outubro de 2020 cambiaba de comercializadora enerxética para o seu domicilio. Contrataba entón os servizos de Endesa. Seis meses despois aínda non recibiu o primeiro recibo eléctrico. A compañía atribúe o problema a unha "incidencia puntual" no sistema de facturación.

Juan Carlos López considera que esta situación é "un despropósito" porque Endesa si que lle cobrou a subministración de gas, que tamén a ten contratada con esta empresa.

O afectado di que este problema lle ocasionará "un prexuízo" porque lle pasarán xuntas ao cobro todas as facturas pendentes, cuxo importe total estima en máis "de 1.000 euros", e descoñece que prazos de pago lle facilitarán.

Comentarios