miércoles. 08.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.07.2020
El tiempo

Falece Julio Ulloa Vence, quen foi o presidente de deputación máis novo

Xullo Ulloa Vence, durante unha entrevista na súa casa. ARQUIVO
Xullo Ulloa Vence, durante unha entrevista na súa casa. ARQUIVO
Enxeñeiro agrónomo de profesión, foi ademais procurador en Cortes, senador, deputado no Congreso, concelleiro en Lugo e director da Escola de Enxeñería Técnica Agrícola do campus

Julio Ulloa Vence, quen foi o presidente da Deputación Provincial de Lugo nos anos sesenta, cando se converteu no político máis novo en acceder a este cargo en España, faleceu este venres na capital lucense aos 89 anos.

Doutor en Enxeñería Agrónoma, Ulloa Vence naceu en Taboada no ano 1930 e tras completar os seus estudos académicos en Madrid e Estados Unidos, a principios dos 1960 trasladouse a Lugo onde desenvolveu diversos labores laborais como funcionario do Estado.

Foi nestes anos cando se decidiu a entrar en política, unha opción que incluso barallara durante a súa estancia en América. Finalmente, foi nomeado presidente da Deputación de Lugo en 1962, con apenas 32 anos, sendo o máis novo en acceder á presidencia dun organismo provincial, cargo no que continuaría ata 1964, onde retomou a súa actividade profesional.

Foi concelleiro no Concello de Lugo tras as primeiras eleccións democráticas

Con todo, ocuparía anos despois outros cargos políticos como o de procurador en Cortes e, xa durante a etapa democrática, foi senador entre os anos 1977 e 1979 por Unión de Centro Democrático (UCD), así como deputado no Congreso.

Ulloa Vence chegou á UCD da man do tamén lucense Antonio Rosón, quen lle invitou a formar parte da candidatura ao Senado nas primeiras eleccións en 1977. Con todo, cando comezaron as divisións internas no partido centrista, o político lucense integrouse en Coalición Democrática, a agrupación electoral impulsada pola Alianza Popular de Manuel Fraga.

CONCELLEIRO. Julio Ulloa tamén foi elixido concelleiro no Concello de Lugo tras as primeiras eleccións democráticas, ocupando escano durante dous mandatos nos que dirixiu a área de medio ambiente. Así, nesta etapa foi o encargado da reforma das costas do Parque e de impulsar a plantación de árbores ornamentais en rúas e zonas verdes da cidade.

Este sábado está prevista unha misa, a partir das catro da tarde, na capela de Velatorios Lucenses

No ámbito profesional, Julio Ulloa Vence foi un dos impulsores da Escola da Enxeñería Técnica Agrícola de Lugo, que chegou a dirixir. Ademais, tras a súa xubilación non deixou de interesarse polos temas relacionados co campo e a natureza e foi presidente do Foro Rural Galego, unha entidade que promoveu debates sobre o futuro do sector primario e o medio rural en Galicia. No plano cultural, Ulloa Vence foi ademais o primeiro presidente do Club Cultural Valle Inclán.

Casado con María Dolores Calvo Beato, con quen tivo dous fillos, a familia de Julio Ulloa Vence recibiu este venres numerosas mostras de condolencia polo falecemento. Este sábado está prevista unha misa, a partir das catro da tarde, na capela de Velatorios Lucenses e, seguidamente, será trasladado ao cemiterio parroquial de Santa María de Castelo (Taboada), onde será inhumado no panteón familiar.

Falece Julio Ulloa Vence, quen foi o presidente de deputación máis...
comentarios