Falece un veciño de Lugo atropelado por un tren nas inmediacións da estación

O suceso tivo lugar á primeira hora da mañá deste xoves

Vías ferroviarias próximas a la estación de Lugo. AEP
photo_camera Vías ferroviarias próximas á estación de Lugo. AEP

Un veciño de Lugo de 55 anos faleceu na mañá deste xoves ao ser atropelado por un tren nas inmediacións da estación de ferrocarril da capital lucense. En concreto, segundo informa o servizo de atención ás urxencias, no punto quilométrico 431,800, entre a Ponte da Chanca e o paso superior da N-640.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ao fío das 7.20 horas, a través do persoal de Adif. Deseguido informou ao 061-Urxencias Sanitarias, aos bombeiros de Lugo, a Policía Local e Nacional e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade, pero unha vez no lugar os servizos sanitarios tan só puideron confirmar o falecemento da persoa atropelada. A Policía investiga o acontecido.

Debido a este suceso, segundo fontes de Renfe, víronse afectados os 20 pasaxeiros do tren procedente de Madrid —con saída ás 22.15 horas— e que debía chegar a Ferrol ás 10.25 horas. Ademais, as mesmas fontes explicaron que outros dous servizos de Media Distancia acumulan atrasos.

Fontes consultadas por Europa Press informan de que o accidente pode estar relacionado cun caso de suicidio.