Falece José María Pardo Montero, presidente de Caixa Rural Galega

Avogado de profesión, foi deputado, senador e conselleiro da Xunta preautonómica
José María Pardo Montero
photo_camera José María Pardo Montero

O avogado e presidente de Caixa Rural Galega, José María Pardo Montero, faleceu este domingo en Lugo aos 86 anos de idade. O que foi o principal impulsor da etapa de expansión desta entidade financeira, que dirixe desde o ano 1986, foi soterrado este luns no cemiterio parroquial de Pousada, en Sobrado, municipio coruñés do que era natural.

A noticia do falecemento de Pardo Montero –casado con María dos Ángeles Hortal Espinosa, con quen tivo dous fillos–, causou un fondo pesar entre quen o coñecían e o consello reitor de Caixa Rural Galega cualificaba nunha declaración institucional a perda como "irreparable para a entidade e para todos nós", á vez que definía ao finado como "un patrimonio inigualable da mesma e un orgullo para todos".

O consello reitor da caixa, que se reuniu onte de forma urxente tras coñecerse o falecemento, recorda a Pardo Montero como un "xurista de recoñecido prestixio" e destaca o seu papel á fronte da entidade, ao indicar que, baixo a súa dirección, "iniciou desde Lugo o seu proceso de expansión sostido cara ao conxunto de Galicia e fixo sempre compatible a adecuada xestión financeira coa súa utilidade para os clientes da entidade".

O comunicado comenta ademais a traxectoria política de Pardo Montero, quen foi deputado das Cortes constituíntes e senador na primeira Lexislatura, así como conselleiro de Ordenación do Territorio na Xunta preautonómica e despois deputado autonómico, "contribuíndo a que a nosa terra fose máis libre e estivese mellor vertebrada", sinala.

Comentarios