Falece Luís López Díaz Pallín, figura clave durante varias décadas do século XX en Lugo

O que fose concelleiro de Lugo, xefe de vendas de Frigsa e promotor do Real Aeroclub, morreu na cidade aos 99 anos de idade.
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Luís López Díaz Pallín, no ano 2000

Pallín, como era coñecido polos lucenses, naceu en Oural pero dedicou gran parte da súa vida á cidade de Lugo, onde foi un dos fundadores do Real Aero Club de Lugo, traballou en Frigsa durante un cuarto de século e foi concelleiro durante vinte e dous anos. Non perdeu, con todo, a relación coa súa localidade natal, onde o campo de fútbol leva o seu nome porque cedeu os terreos necesarios para levantar a infraestrutura deportiva.

Esa cesión ejemplifica ben o carácter de Pallín, unha persoa xenerosa e moi atenta con todo o mundo e que levaba a Oural no corazón. Alí coñecera tamén á súa muller, filla do xefe de estación da localidade e coa que tivo unha filla, Isabel, que exerceu como médico en Lugo.

Pallín naceu en Oural nunha familia adiñeirada, propietaria de importantes extensións de terreo, en boa parte das cales se construiría despois a planta de cementos. A boa situación da familia non impediu que tivese unha infancia triste. A súa nai morreu sendo el moi pequeno. Tivo un ama de cativa e creceu cos coidados dunha tía. Parte da súa infancia discorreu na Coruña, onde o seu pai tiña negocios e xestionaba uns cines. Na capital herculina estudo Comercio, unha formación que marcaría logo a súa vida profesional.

A súa vida quedaría marcada tamén pola Guerra Civil. Tras participar no conflito, decidiu prepararse como piloto de aviación en Madrid. Atopouse, con todo, coa oposición da súa familia e por iso acabou cedendo e traballando na escola de pilotos do Exército. Foi unha plataforma, xa que alí fixo innumerables amigos, varios dos cales chegaron a xenerais e polo menos dous a ministro. Esas amizades perduraron sempre e foron decisivos cando Pallín empeñouse, con outros lucenses, en crear o Real Aeroclub de Lugo. Atopou os apoios que necesitaba para sacar adiante a iniciativa, coa que buscaba situar a Lugo no mundo da aviación, aínda que co tempo Lugo perdeu peso político e Rozas non chegou a ser unha instalación estratéxica para a aviación.

A Lugo chegou a traballar como xefe de vendas de Frigsa, unha empresa cuxa importancia para a economía lucense sempre reivindicou vivamente. Permaneceu nesa firma durante aproximadamente un cuarto de século e, de forma paralela ao seu labor na empresa cárnica, intentou fomentar a economía lucense promovendo un mercado gandeiro. Chegou a construírse no Ceao, aínda que non chegou a despegar. "O seu amor polo campo era coñecido e a xente dedicoulle polo mercado unha canción cariñosa, que dicía 'cunha vaca e un tenreiro, Díaz Pallín montou o mercado gandeiro', recordaba onte á noite o seu amigo Alfredo Sánchez Carro.

Este recordaba tamén o fervor co que se entregou á súa condición de concelleira, á que accedeu a través do coñecido como terzo de representación sindical e contaba, a modo de exemplo da súa xestión, que Pallín conseguiu que en Lugo se vendese o pan envolto. Esa medida sanitaria  que impulsou reflectía á perfección o seu empeño por protexer a saúde e promover a hixiene resumía.

Pallín, que tivo entre os seus grandes amigos a Mauro Gómez Pereira, quen fose poderoso abade de Samos, exhibia tamén con orgullo a Cruz de Mérito Militar coa que fora distinguido.

O seu talante de dereitas era coñecido. E con todo,  era respectado por moitas persoas de esquerda, xa que aproveitou sempre que tivo ocasión a súa situación para mediar a favor de persoas perseguidas pola súa ideoloxía. Un amigo contaba onte que nalgunha ocasión presentouse no cárcere coa intención de que se puxese en liberdade a persoas que el consideraba do todo respectables aínda que non estivesen co regimen.

Na Transición seguiu coa súa vocación Política e formou parte da primeira Alianza Popular, como representante da  Unión Nacional Española, o partido que promovia Gonzalo Fernández.

Pallín será despedido en Lugo este sábado, cunha misa ás 11.30 horas na capela de Velorios Lucenses. Seguidamente será trasladado ao cemiterio de San Julián de Chorente, en Oural, onde será inhumado no panteón familiar, onde xa descansa a súa esposa, Purificación Martín López.