Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Falece José Luís Valcárcel, presidente dos cazadores lucenses

José Luís Valcárcel. EP
José Luís Valcárcel. EP

Foi avogado, funcionario de Tráfico durante 46 anos, profesor da Escola Universitaria de Relacións Laborais e presidente do Colexio de Graduados Sociais 

A Asociación Lucense de Caza perdeu este xoves ao seu presidente, José Luís Valcárcel Yáñez (Lugo, 1937), avogado, funcionario de Tráfico durante 46 anos, profesor da Escola Universitaria de Relacións Laborais durante outros 20 e presidente do Colexio de Graduados Sociais tamén durante moitos anos.

Valcárcel, casado e con dúas fillas e dous netos, era un traballador incansable. Aos seus 81 anos seguía indo a diario ao despacho laboralista que tiña na Ronda das Fontiñas e recomendaba a quen se xubilase que non deixase de ter actividade.

A súa intensa vida profesional e social fíxolle ser un home moi coñecido en Lugo. Polas súas mans de examinador de Tráfico pasaron uns 15.000 candidatos a condutor. Tiña fama de óso, pero tamén de ser xusto. "Eu non suspendín a ninguén porque se lle calase o coche, pero si tiña obsesión polas distancias", recordaba hai un ano nunha entrevista en El Progreso.

José Luís Valcárcel tiña paixón pola pesca e, sobre todo, pola caza, á que se afeccionou aos 15 anos e da que chegou a ser unha autoridade. Foi un dos redactores da primeira lei cinexética de Galicia e o fundador da asociación lucense en 1988.

A Federación Galega de Caza recordou este xoves o seu traballo polo sector e porque as leis de caza contemplasen a esencia desta actividade social en Galicia. Cando fundou a asociación lucense, esta tiña ao redor de 30.000 asociados e era naquel momento a máis grande de Galicia e unha das maiores de España, polo que as súas multitudinarias asembleas eran o aval das negociacións coa Administración.

Naquel momento, a agrupación mantiña serias diverxencias coas doutras provincias pola xestión cinexética, pero puideronse superar e Valcárcel pasou a exercer como vicepresidente da Federación Galega de Caza, que este xoves chorou a súa perda e lamentou que non poida contribuír, como era a súa ilusión, a mellorar a actual normativa.

Fumador empedernido desde facía máis de 60 anos, tiña tamén debilidade polos reloxos, dos que dispuña dunha boa colección que iniciou cando era neno, e pola lectura.

Este venres, ás 19.30, haberá unha misa na capela de Velorios Lucenses e o sábado terá lugar o funeral, ás 11.00 horas, na igrexa de San Francisco Javier.

Falece José Luís Valcárcel, presidente dos cazadores lucenses
Comentarios