Falece o exdirectivo de Frigsa Alejandro Fernández Sío

O lucense morreu aos 93 anos
Fernández Sío. EP
photo_camera Fernández Sío. EP

O lucense Alejandro Fernández Sío, avogado que foi directivo de Frigsa a finais dos 70 e principios dos 80, faleceu este xoves aos 93 anos. Tras o seu paso polo matadoiro de Lugo, Fernández Sío foise a vivir a Madrid, onde asumiu postos directivos noutras empresas de peso, pero xa xubilado regresou a Lugo para vivir no seu barrio, en San Roque.

A pesar da súa idade tratábase dun veciño activo e inquedo que se mobilizou moito por un proxecto soñado, que estaba convencido de que melloraría a vida de moitos residentes: a pasarela ao centro de saúde de San Roque, que salvase a profunda inclinación que hai para acceder a el. Lamentablemente, non puido ver materializada esa aspiración, que si se fará realidade.

Fernández Sío cualificouse a si mesmo neste xornal como "incansable" coas cousas que cría imprescindibles, como é o caso da pasarela. En 2017 recoñeceu que a pediu ao Concello e ao Sergas sen éxito. O proxecto da pasarela de San Roque foi adxudicado recentemente polo Concello.

Alejandro Fernández Sío deixa sete fillos, ademais de netos e bisnetos e outros moitos familiares, como a súa sobriña a soprano Noemí Mazoy. Para este venres está prevista unha misa no seu recordo, ás dúas e media da tarde, na capela de Velorios Lucenses.

Comentarios