Falece aos 62 anos o arquitecto e urbanista lucense Manuel José López Guitar

Destacou o seu traballo na peonalización do centro de Lugo e en reformas de edificios significativos da cidade
Manuel López Guitar
photo_camera Manuel López Guitar. EP

O arquitecto Manuel José López Guitar, un dos profesionais que máis influíu no urbanismo recente da cidade a través do estudo GAU, faleceu este mércores aos 62 anos de idade. A noticia espertou unha sincera onda de pesar na cidade, onde era moi coñecido e apreciado, xa que tamén se destacou como un gran amante da arte e a cultura e como un dos impulsores desde os seus inicios do Arde Lucus.

Formaba parte do estudo de arquitectura GAU xunto a Alberte González, Jorge Salvador e Jorge Gómez Cereijo. Desde este estudo participou tanto en deseño das actuacións urbanísticas en numerosas zonas da capital como na rehabilitación de edificios públicos. Entre outros, destacou o seu traballo na peonalización do centro de Lugo e as reformas no sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, o Seminario Diocesano de Lugo, a Fonte de Porta Miñá e o Pazo de Sangro-Hotel Orbán, o balneario de Guitiriz, a igrexa de Vilar de Donas, a rehabilitación da aldea da Seara (O Courel), ou o recentemente inaugurado centro de convivencia da Piringalla.

Coñecido entre os seus seres queridos como Guiti, este lucense estudou no antigo Masculino (hoxe o IES Lucus Augusti) e licenciouse en 1993 na Escola Técnica de Arquitectura da Coruña, na especialidade de Edificación. Posteriormente fixo un máster en Rehabilitación.

Como bo arquitecto, era un amante da arte e un virtuoso do debuxo. De feito, o seu último traballo, entregado xa cando se atopaba hospitalizado, foi a ilustración para a portada da revista Chío, que acaba de sacar o seu último número.

Ademais, foi un gran activista do Arde Lucus. Colaborou en principio cunha das asociacións fundadoras, para entregar logo os seus esforzos a Pax Romana.

López Guitar estaba casado con Ana María Cortón e deixa dous fillos, Alejandro e María, sen dúbida, as súas dúas mellores obras para el.