Facua denuncia que un lucense abonou ano e medio un seguro ligado a un préstamo xa pago

A aseguradora finalmente devolveu ao cliente os 251 euros que lle cobrou nese tempo

Facua denuncia que unha aseguradora seguiu cobrando a un veciño de Lugo durante ano e medio un seguro de vida vinculado a un préstamo para comprar un vehículo que xa estaba amortizado. Finalmente, a compañía terminou devolvéndolle os 251 euros que pagara a maiores. 

O afectado, segundo relata a organización de consumidores, contratara unha póliza que o cubriría durante os cinco anos que lle levaría o pago do coche. Entre as condicións do seguro de vida, Facua asegura que estaba a posibilidade de cancelación en caso de amortizar de forma anticipada a totalidade do préstamo. 

Conforme a isto, o denunciante decidiu abonar a totalidade do préstamo do coche ao ano seguinte de compralo e solicitou por escrito a cancelación da póliza. No entanto, "non obtivo resposta" da compañía de seguros e continuou cobrándolle a prima, asegura Facua. 

Tras a reclamación por parte da asociación de consumidores —segundo sinala— a aseguradora procedeu en novembro de 2018 á cancelación da póliza e reintegrou os 251,45 euros que o denunciante pagara a maiores. 

Comentarios