O Exército do Aire cede un motor dun Boeing 707 para o CIFP As Mercedes

A peza é para o Ciclo Superior de Mantemento Aeromecánico
El motor turbina del avión Boeing 707. EP
photo_camera O motor de turbina do avión Boeing 707.

O Centro Integrado de Formación Profesional das Mercedes recibirá a cesión dun motor turbina a reacción por parte do Ministerio de Defensa, máis concretamente, do Exército do Aire.

Joaquín Expósito, director do centro, explica que a peza irá destinada ao Ciclo Superior de Mantemento Aeromecánico, "que á súa vez ten a especialidade de Motor de Turbina e para impartilo necesitamos o material", comenta.

O centro das Mercedes solicitou o motor turbina ao Exército do Aire e poderá facer uso da peza, en calidade de depósito, por un período de cinco anos prorrogables, desde o 30 de xuño de 2020 ata o 30 de xuño de 2025.

Así mesmo, o centro, a entidade depositaria, concertará un seguro cunha entidade aseguradora que cubra os riscos de transporte (nas súas viaxes de ida e volta), de conservación, deterioración, perda ou subtracción.

O motor turbina provén dun avión Boeing 707 e axústase perfectamente aos criterios que establece o currículo de formación do ciclo. Tamén, o Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial (Inta) fixo unha cesión de dous modelos de turbina para as prácticas dos alumnos.

MATRÍCULA. O Ciclo Superior de Mantemento Aeromecánico, que oferta o centro, pechou este mércores a matrícula en preinscrición. "O ciclo ten 22 prazas e a demanda supera á oferta", expresa o director. Xa é o cuarto ano e o alumnado mostra o seu interese.

A colaboración do Ministerio de Defensa, e en particular, as cesións do Exército do Aire, son claves. O centro necesita de material deste tipo para poder impartir a formación.

No curso, os estudantes matriculados neste ciclo superior poderán coñecer o motor turbina e as súas propiedades.

Comentarios