Evacuado ao Hula un home que caeu cando paseaba pola Avenida da Coruña

A vítima, que se golpeou na cabeza, sangraba copiosamente

Un home maior foi trasladado este sábado ao Hospital Lucus Augusti por unha ambulancia do servizo 061 tras sufrir unha caída cando camiñaba pola beirarrúa na Avenida da Coruña.

O accidente tivo lugar ao redor da unha do mediodía nesta transitada vía pública, case á altura da Rúa Mallorca, no barrio da Milagrosa. O home, que se golpeou na cabeza, sangraba copiosamente.

Ademais do persoal sanitario da ambulancia, ata o lugar do suceso tamén se desprazaron dotacións das policías Nacional e Local.

Dada a hora á que se produciu, foron moitos os lucenses que foron testemuñas da caída e vivíronse momentos de preocupación polo estado do ferido.