Un estudo de cardiólogos do Hula sobre o risco de infartos logra un premio

A investigación, que liga a acumulación de placas na carótida ao perigo cardiovascular, abre novas posibilidades de prevención
Carlos González Juanatey y Raúl Franco. EP
photo_camera Carlos González Juanatey e Raúl Franco. EP

Un estudo realizado por cardiólogos do Hula abriu unha nova porta a previr o risco cardiovascular e mereceu un premio da Sociedade Española de Cardiología, xunto coa Sociedade Interamericana de Cardiología, ao segundo mellor traballo publicado nas Revistas Iberoamericanas de Cardiología no ano 2019.

O traballo galardoado pola sociedade científica está asinado por Raúl Franco-Gutiérrez, Alberto J. Pérez-Pérez, Virginia Franco-Gutiérrez, Raymundo Ocaranza-Sánchez, Ana Testa-Fernández, Manuel L. López-Reboiro, Andrea López-López, Melisa Santás-Álvarez, María Xenerosa Crespo-Leiro e Carlos González-Juanatey.

Os facultativos deron difusión no artigo galardoado a unha liña de investigación centrada nunha tese lida o ano pasado na Universidade da Coruña por Raúl Franco e que tiña como eixo a procura de placas de enfermidade arterosclerótica na carótida.

Trátase dunha arteria facilmente accesible e o seu estudo permite estudar o risco dun paciente de padecer un infarto de miocardio, resumía este venres Carlos García Juanatey, xefe do servizo de Cardiología do Hula.

O estudo vén confirmar que se unha persoa ten unha alta concentración de placas na carótida tamén a vai a ter nas vías coronarias, segundo apuntaba Juanatey.

"Está claro que se unha persoa é hipertensa, ten colesterol ou fuma ten un maior risco, pero o estudo da carótida pode axudar a precisar e concretar o risco dun accidente cardiovascular", apuntaba Juanatey.

O estudo da carótida é fácil e unha ecografía xa permite descubrir se hai placas e risco cardiovascular

O estudo do paciente para calcular ese risco pode ser, ademais, moi fácil, xa que unha ecografía da carótida permite avaliar a concentración de placas, sinalaba o cardiólogo.

O estudo, titulado Carotid plaque is a predictor of major adverse cardiac and cerebrovascular events in patients undergoing coronary angiography publicouse inicialmente na Revista Mexicana de Cardiología, xa que o equipo de cardiólogos de Lugo coopera estreitamente con sociedades científicas dese país, explicaba este venres Carlos González Juanatey,

Tras ser publicado en México, a Sociedade Iberoamericana de Cardiología seleccionouno entre os tres mellores artigos publicados e acabou obtendo o segundo premio do VIII Premio Magda Heras ao Mellor Traballo Publicado en Revistas Cardiovasculares Iberoamericanas. O galardón leva o nome dunha recoñecida cardióloga española.

Juanatey reivindicou o traballo de investigación do equipo e o avance que pode supor o estudo, xa que se poderá "estratificar mellor o risco" cardiovascular dos pacientes. Indicou que non hai moitos estudos que avancen aínda no campo no que o fixo o de Lugo.

Comentarios