Deben coordinar o uso cos veciños

As escolas unitarias reviven con proxectos pedagóxicos novos

O Concello cedeu a de San Xoán do Alto a Nenea, está a piques de asinar con Semente a de Barbaín e busca outra para Aloumiños ►O descontento de familias e educadores co sistema de ensino público alenta moita destas iniciativas
Chelo Alonso, en Nenea
photo_camera Chelo Alonso, en Nenea

En San Xoán do Alto facía máis de trinta anos que a escola unitaria se baleirou de nenos e quedara relegada a local de actividades veciñais. Este curso, con todo, volveron as risas e os xogos infantís, que resoan a diario dentro e fóra do pequeno edificio a dúas augas. Alí aprenden e divírtense os nenos que acoden a Nenea, un proxecto educativo que puxeron en marcha tres especialistas en educación infantil que cren nunha escola distinta, afastada das premisas que se seguen na educación pública, especialmente nos centros con aulas repletas. Non é a única proposta deste tipo que bota a andar no municipio, hai outras dúas a piques de porse en marcha: Semente, que está a piques de asinar o convenio de cesión da unitaria de Barbaín co Concello, e Aloumiños, para a que tamén se busca acomodo nalgunha escola próxima a Lugo.

Só no último ano, o directorio de educación alternativa Ludus rexistrou 320 iniciativas novas en toda España. En total, eran 791 a semana pasada. Bibiana Fernández, unha das promotoras de Nenea, explica que esta tendencia "é como unha onda que vai chegando aquí, pero Galicia quizáis aínda vai por detrás. A avanzada lévana o País Vasco e Cataluña". Sobre as razóns deste cambio, explica que "os nenos e nenas son diferentes a como eramos nós, pero dámoslles a mesma escola, que leva ancorada no mesmo sistema moito tempo, ten que evolucionar", indica.

E mentres non o fai, educadores e familias crean as súas propias opcións. "Este é un modelo totalmente diferente ao da escola tradicional, que non responde ás necesidades dos nenos. Un neno de tres anos non pode pasar máis de 15 minutos sentado e nos colexios pasan horas. Ensínaselles a obedecer, mentras que o noso modelo non persegue a obrigatoriedade, os nenos aprenden constantemente, non fai falta forzalos, só aproveitar as oportunidades para que o fagan".

Aínda que hai distintas metodoloxías, estas novas iniciativas teñen varios puntos en común, que resume ben o portal Ludus: a aprendizaxe a través da emoción e non por obrigación; primar a experimentación e non a memorización; ensinar a colaborar en lugar da competir; respectar o ritmo de desenvolvemento de cada neno, considerar os erros como parte da aprendizaxe ; respectar a creatividade innata dos pequenos, sen estimulala precozmente nin coartarla; educar para a vida e non unicamente para un traballo; promover o contacto coa natureza, coñecer o medio rural, integrar as familias no proceso ou reforzar a educación non sexista.

Trátase de pedagoxías non directivas nas que o ensinante se considera acompañante do neno, non líder. Aínda así, "é moi importante que teñan a capacidade de observar que esa aprendizaxe se está producindo", indica Bibiana Marful. Tampouco adoitan facer unha separación dos nenos por idades porque é "artificial" e pouco eficaz, xa que entre un neno de xaneiro e outro de decembro pode haber moita diferenza. Nenea traballa cun grupo heteroxéneo de 2 a seis anos, cun cociente de 8 nenos por cada ensinante e nunca menos de dous profesores.

Aínda que comparten características, cada proxecto fai fincapé nun ou outro aspecto. Nenea bebe das escolas na natureza que xorden nos países nórdicos e que potencian todo o posible o ensino ao aire libre, pero o adaptan á contorna lucense. "En Alemaña, por exemplo, só téñen unha cabana para resgardarse cando fai moi mal tempo, pero nós temos un local onde facemos actividades a diario", explica Bibiana. O outro punto forte é a "arte como medio de comunicación".

No caso de Semente, cuxo xerme está nun grupo de pais, un dos motores da iniciativa é a preocupación por preservar a lingua materna. Consideran que na escola pública hai unha presión social constante a favor do español que leva a que os nenos pasen a falar este idioma aínda que entren falando galego. No seu caso, ademais, promoven a variante reintegracionista.

No caso de Aloumiños, que xorde como iniciativa de cinco ensinantes, búscase tamén o contacto co medio rural e "a continuidade entre o fogar e a escola". Nesta iniciativa, "as familias poden formar parte do proxecto en igualdade de condicións cos educadores. Se queren vir ao colexio e participar no proceso de aprendizaxe, poden facelo", explica Natalia Somoza, unha das promotoras.

Natalia cre que no xurdimento destas iniciativas inflúe moito "que a sociedade está cada vez máis dixitalizada e tensa e búscase volver ao contacto humano e coa natureza". Tamén está de acordo en que a escola pública "está a fallar moito", aínda que poida haber excepcións, e o cociente profesor/alumno fai imposible que o ensinante poida ofrecer unha atención adecuada a cada neno.

Comentarios