Un enxeñeiro lucense gana o premio de innovación de Capsa cunha sobremesa láctea

O galardón supón 5.000 euros e un 20% dos beneficios do produto durante tres anos se este chega a comercializarse

Pablo Fraga. EP
photo_camera Pablo Fraga. EP

Unha sobremesa láctea foi o proxecto gañador da primeira edición dos premios de innovación en alimentación saudable convocados por Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) e a súa insignia Larsa. O creador da idea que conseguiu a máxima puntuación do xurado é Pablo Fraga, un enxeñeiro agrónomo formado no campus lucense. Da súa proposta non pode saberse nada máis, dado que a participación no certame inclúe un acordo de confidencialidade sobre o produto, xa que Capsa resérvase o dereito a desenvolvelo e comercializalo

As propostas debían incluír nunha primeira fase unha presentación inicial da orientación do produto e servizo para que fose avaliada por unha comisión mixta formada por membros da USC e da empresa. Superar este primeiro nivel supuña asumir un acordo de confidencialidade. "É normal porque é un premio que pode chegar á realidade e eles son precavidos; está ben, eu enténdoo", di Pablo Fraga acerca desta reserva.

O galardón leva unha entrega en metálico de 5.000 euros. Ademais, se o produto chega a comercializarse, Capsa terá que abonar ao autor, durante un prazo de tres anos, a cantidade correspondente ao 20% dos beneficios xerados polo produto, pola cesión dos seus dereitos. Se o desenvolvemento non leva a cabo en tres anos, a idea queda liberada.

Pablo Fraga traballou como técnico na empresa monterrosina Alibós e na actualidade realiza os seus estudos de doutoramento na Escola Politécnica Superior, no grupo de Sistemas Silvopastorales. A súa liña de investigación está relacionada coa reprodución in vitro de castiñeiro.

OUTROS PREMIOS. Na fase inicial resultaron seleccionadas catro candidaturas, catro delas desenvolvidas na Escola Politécnica Superior de Lugo. Así, os estudantes do grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Antón Polo Fernández, Brais Pérez Fernández e Roberto López Tojo, matriculados o pasado curso académico na materia de Industrias Leiteiras, obtiveron o segundo premio, dotado con 3.000 euros, cunha proposta de alimento probiótico.

Do mesmo xeito, Paula Ibáñez Domínguez, Xosé Alfonso Ameixeiras Rodríguez e Víctor Argul Saavedra obtiveron dous terceiros premios por propostas de novos alimentos saudables elaborados con leite. Para esta categoría de galardóns, existía unha dotación de mil euros.

Os outros dous proxectos mellor valorados polo xurado corresponden a Iria Pérez Blanco e ao equipo formado por Sandra Neira Gómez, Ana Luna Vence e Mercedes Luna Vence.

Os premios entregaranse no transcurso dunha cerimonia que terá lugar no mes de setembro.

Proceso
Unha longa incubación


O período para a presentación de propostas abriuse en maio do ano pasado, ao amparo dun acordo entre Capsa e a USC. Nas últimas fases, as ideas seleccionadas contaron cun titor da empresa.

Capsa e a Escola Politécnica Superior crearon a Factoría de Ideas JILTA (Nova Innovación Láctea e de Tecnoloxía dos Alimentos) co fin de paliar a desconexión que existe entre o alumnado e o sector empresarial.

 

Comentarios