As enquisas axitan a política en Lugo

A cidade acolleu nas últimas semanas sondaxes telefónicas e na rúa que resultan desconcertantes debido a algúns dos nomes sobre os que se pide valoración política, como a popular Elena Candia e o exconcelleiro socialista Miguel Couto
Elena Candia e Ramón Carballo, no congreso de reelección da primeira como xefa provincial do PP. XESÚS PONTE (AEP)
photo_camera Elena Candia e Ramón Carballo, no congreso de reelección da primeira como xefa provincial do PP. XESÚS PONTE (AEP)

As rúas e os fogares lucenses foron escenario nas últimas semanas de enquisas sobre políticos e sobre asuntos da cidade que nalgún caso desconcertaron aos interlocutores e ata a algúns dos protagonistas. A razón é que os cuestionarios contiñan nomes e preguntas previsibles, por estaren na boca de todo o mundo, pero tamén algunhas sorprendentes.

O ruxe ruxe no ámbito nacionalista é se se incorporará a exvicerreitora do campus, Montserrat Valcárcel

Nunha das sondaxes a pé de rúa máis recentes, os enquisados debían puntuar os actuais catro voceiros políticos no Concello e a unha quinta política. Ademais de pola alcaldesa, a socialista Lara Méndez; o primeiro tenente, o nacionalista Rubén Arroxo; o popular Ramón Carballo, e Olga Louzao, de Cs, o cuestionario incluía a Elena Candia, xefa do PP na provincia e deputada autonómica.

De primeiras, o nome de quen foi alcaldesa de Mondoñedo semella fóra de lugar nunha enquisa sobre políticos do ámbito municipal lucense, pero nada resulta estraño nun escenario no que os populares seguen sen ter alcaldable para 2023, ou alomenos sen comunicalo publicamente. 

Se hai meses a aposta do PPdeG parecía ser Carballo, neste momento de portas para fóra o escenario semella máis aberto. Non é Lugo a única urbe na que sucede isto, pero a un ano das eleccións resulta anormal tratándose dun partido que é hexemónico en Galicia e que na capital lucense non goberna pero é o máis votado. 

Dende hai meses, Candia déixase ver con frecuencia na cidade, en actos públicos, como no Domingo das Mozas vestida co traxe rexional, e reunida con representantes de colectivos profesionais e sociais, ás veces case en paralelo á actividade do grupo municipal. Sucedeu no outono, cando os de Carballo presentaron unha iniciativa para axilizar as licenzas urbanísticas e Candia se reuniu coa presidenta do Colexio de Arquitectos, que de primeiras era reacia á proposta dos populares.

Non é a primeira vez que o nome de Candia se introduce nunha enquisa na cidade. O resultado da realizada hai uns meses sorprendeu a máis dun porque obtiña unha valoración superior á do voceiro municipal e tamén deputado autonómico. A proxección e a ascendencia que lle dá a Candia ser a líder provincial dos populares podería explicar ese resultado, aínda que nunha entrevista recente, preguntada por isto e por se poderiamos vela de candidata na cidade, Candia evitou pronunciarse argumentando que ía fóra de tempo.

Neste intre son todo conxeturas. E o silencio do partido e as enquisas aliméntanas. Partidistas ou independentes, foron varias as sondaxes realizadas nos últimos meses e semanas, algo habitual cando se achegan períodos electorais. No que respecta ao PP, hai arredor dun mes, outros lucenses foron consultados vía telefónica sobre a súa opinión respecto de Carballo; do vicevoceiro municipal, Antonio Ameijide, probablemente o membro do PP con máis protagonismo na cidade dende hai meses; do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e do exconcelleiro Enrique Rozas.

Rozas di que non ten nada que ver coa iniciativa para facelo alcaldable, pero a súa aspiración é coñecida dentor e fóra do partido

Son algúns dos nomes que levan meses soando, o último desde unha recente iniciativa que xurdiu en facebook para impulsalo como alcaldable. Di que nada ten que ver nela, aínda que a súa aspiración é coñecida dentro e fóra do partido e a súa presenza multiplicouse. Este martes non perdeu a apertura da Feira do Libro.

No partido rival non se discute que Lara Méndez competirá de novo pola alcaldía de Lugo, pero debe haber quen non ve suficientemente asentado o seu liderado e nunha enquisa de valoración política introduxéronse outros nomes, algúns tamén sorprendentes. Sucedeu hai varias semanas, cando, tamén por vía telefónica, se pedía a opinión dos lucenses sobre Méndez, o exalcalde José López Orozco, sobre o exlíder do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro e obre o exedil Miguel Couto. 

O PSOE —o local, o provincial e o autonómico— asegura que non ten nada que ver con esta enquisa. Os partidos poden introducir preguntas nalgunhas sondaxes colectivas, polo que pode que fora algún rival quen quixera coñecer o estado de opinión sobre a rexedora. Orozco xa dixo que non volvería á política institucional, Besteiro mantense na retagarda e, de volver a dar un paso adiante, ten pouca lóxica que o fixese no ámbito local, e Couto saíu escaldado do seu curto paso pola política.

Tampouco semella que vaia haber moitas novidades no BNG, con Arroxo como afianzado alcaldable e un grupo de concelleiros que semella ben avido e que goza da súa confianza. O ruxe ruxe no ámbito nacionalista é se se acabará incorporando á candidatura unha muller coa que o BNG traballa a gusto, segundo ten recoñecido, e que tras deixar o seu último cargo público non pechou as portas a nada. Trátase da exvicerreitora do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, a quen no último Nadal o BNG escolleu como encargada de acender o alumeado festivo.

Tras as enquisas chegarán as certezas, pero para iso seguramente aínda falta.

comentarios