"En 30 anos a inmensa maioría do peixe será de acuicultura"

Ross Houston, catedrático en The Roslin Institute, deu este martes unha charla en Veterinaria

Ross Houston, en Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Ross Houston, en Lugo. SEBAS SENANDE

A metade do peixe que se consome a nivel global é xa de granxa, froito dun cambio de tendencia iniciado hai tres décadas. O catedrático de Xenética da Acuicultura de The Roslin Institute na Universidade de Edimburgo, Ross Houston, explicou este martes en Lugo que hai 30 anos a práctica totalidade era salvaxe pero que cabe esperar unha completa volta de folla para o futuro. "Noutros trinta anos, a inmensa maioría do peixe será de acuicultura", augura.

Houston recorda que resulta razoable pensar que as futuras xeracións consumirán fundamentalmente peixe producido expresamente con ese fin. "Non hai capacidade para incrementar a produción do peixe salvaxe: só se pode manter, como moito, pero si que hai posibilidades de aumentar a produción acuícola", explica.

O xenetista participa xunto ao grupo de investigación de Xenética para a Agricultura, Acuigen -que coordina o catedrático de Xenética Paulino Martínez no campus de Lugo - no proxecto AQUA FAANG, financiado con 6 millóns de euros dentro do programa Horizon 2020 da Comisión Europea. O seu grupo do Roslin Institute e o Acuigen son dous dos 24 socios en total que ten o proxecto.

AQUA FAANG céntrase en desenvolver un atlas xenómico funcional das seis especies acuícolas de maior interese comercial en Europa: salmón, troita arcoiris, robaliza, dourada, carpa e rodaballo. O obxectivo é mellorar a selección xenética e estar en condicións de identificar os individuos máis produtivos e resistentes ás enfermidades.

En concreto, o grupo coordinado por Houston -e no que traballa Diego Robledo, doutor pola USC- céntrase en estudar a resistencia da robaliza á necrosis nerviosa viral na robaliza europea, unha investigación que desenvolve en colaboración coa Universidade de Padova, Italia. "Esperamos utilizar o atlas xenómico funcional que se fai na primeira parte do proxecto para entender mellor por que algúns peixes son resistentes a ese virus e outros son susceptibles. A razón é que así podemos desenvolver marcadores xenómicos para predicir que exemplares son resistentes e intentar ter unha poboación máis resistente que ao final logre reducir a incidencia desa enfermidade", explica Houston que recordou que se trata da "principal enfermidade na acuicultura do Mediterráneo".

O obxectivo último é contribuír a conseguir unha produción acuícola "máis sostible e máis sa" e, en consecuencia, previsiblemente máis barata.