Empresarios de Lugo reciben chamadas dunha falsa revista de Policía e bombeiros

Non transcendeu se algún dos receptores chegou a colaborar economicamente con esa falsa publicación e, xa que logo, ser vítima dunha estafa.

Empresarios lucenses recibiron nos últimos días nas súas oficinas chamadas telefónicas de alguén que se fai pasar por representante dunha inexistente revista da Policía Local e os Bombeiros de Lugo para que contrate publicidade.

Non transcendeu se algún dos receptores chegou a colaborar economicamente con esa falsa publicación e, xa que logo, ser vítima dunha estafa.

Nos casos nos que o interlocutor expresaba as súas dúbidas sobre a existencia desa revista, a persoa que chamaba non insistía e colgaba.

Os intentos de estafa ofrecendo a contratación de publicidade para revistas de forzas da orde prodúcense con relativa frecuencia. A Garda Civil xa alertou en varias ocasións porque había persoas que se facían pasar por representantes da asociación que recada fondos para os orfos de axentes deste corpo.

Nos últimos días hostaleiros da capital lucense tamén recibiron chamadas telefónicas, neste caso ameazantes, de persoas que se fan pasar por representantes dunha compañía eléctrica que reclaman que abonen as facturas da luz debidas.

Comentarios