Un empresario reclámalle ao Concello no xulgado 100.000 euros por facturas impagadas

O 80% do seu negocio era co ente local e a demora nos pagos obrigoulle a despedir empregados e a contraer débedas co banco, con Facenda e coa Seguridade Social. Outras tres empresas están na vía contenciosa para poder cobrar

Fuga de auga nunha rúa de Lugo. AEP
photo_camera Fuga de auga nunha rúa de Lugo. AEP

Marcos Quiroga López montou empresa propia (Solucións Intelixentes Profesionais) en 2014, despois de que a firma para a que traballaba como aparellador crebara. Empezou a facer obras para o Concello de Lugo -administración que coñecía polo seu anterior emprego e que ata hai nada lle supoñía o 80% da facturación-, pero hai aproximadamente ano e medio comezou a ter problemas para cobrar e esa circunstancia desencadeou unha espiral de problemas que intenta remontar á desesperada, no xulgado. O empresario reclamou pola vía contenciosa o pago de facturas que suman 102.500 euros, despois de ter que despedir os dous empregados que tiña, de contraer unha débeda de case 40.000 euros co banco, de negociar aprazamento de cotas coa Seguridade Social ata o 2023, de sumar unha débeda con Facenda que supera os 9.000 euros e de levar dous anos "sen nómina", di.

Pola información da que dispón, hai alomenos outras tres empresas que seguiron o mesmo camiño para cobrar facturas municipais. Unha delas formou parte dunha Ute con Solucións Intelixentes Profesionais. As outras dúas son unha eléctrica e unha empresa de servizos medioambientais, segundo recoñeceu o goberno local. O equipo de Lara Méndez lamenta esta situación e asume que nalgún momento houbo demoras na tramitación de facturas, pero asegura que se están xestionando e que as cantidades que se reclaman no xulgado -aínda sendo importantes para os acredores, recoñece- non son representativas dentro do volume anual de pagos do Concello, di.

No que respecta ás facturas de Solucións Intelixentes, o goberno municipal explica que no pleno de setembro se aprobou o pago de catro por case 6.000 euros, que abonará en breve. Outros 6.000 euros están pendentes de transferencia, 7.000 corresponden a dúas facturas que foron rexeitadas e a unha anulada -non se axustan ao traballo realizado, di- e os restantes 54.674 euros están pendentes de conformidade dos servizos correspondentes ou de fiscalización do interventor.

Quiroga di que antes de recorrer ao xulgado se interesou repetidamente no Concello polas súas facturas e que fixo todo tipo de xestións para tentar cobrar, como a presentación dunha reclamación por escrito en decembro do ano pasado, da que non tivo resposta, asegura. Este empresario censura que o goberno local saque peito do período medio de pago (de 16 ou 17 días, segundo o último dato aportado) porque a estatística é "tramposa por natureza". "Conta o prazo transcurrido dende que a alcaldesa asina o decreto ata que se fai o ingreso, que en tempos de Orozco chegou a ser de 48 ou 72 horas, pero non aclara canto tempo pasa dende que unha empresa mete unha factura no rexistro electrónico de Face ata que se paga. No meu caso, dende xullo de 2017 ata hoxe", denuncia.

Quiroga explica que traballaba para o Concello en base a contratos e propostas de gasto pero tamén por petición directa de funcionarios ou de edís, por seren actuacións menores e urxentes, como reparación de goteiras, limpeza de canlóns, arranxos de elementos metálicos e de arquetas ou reparación de zanxas tras obras na rede de abastecemento ou de saneamento. "Este tipo de traballos, de boquilla, deixei de facelos", di. Na súa opinión, moitas destas actuacións convértense en urxentes porque hai falta de planificación en cuestións como o mantemento de edificios e porque hai servizos municipais con poucos medios humanos e ás veces tamén materiais. Sinala como exemplo algúns dos xa coñecidos, como vías e obras e augas. Quiroga asegura que hai canlóns de colexios e de instalacións deportivas que levan dous anos sen limparse, di, polo que agoira problemas en canto empece a chover.

As baixas de funcionarios (xubilacións, traslados...) e a súa substitución por persoal que non coñece as dinámicas municipais ou que "non quere pillarse os dedos" tamén inflúe á hora de contratar e de pagar, opina.

Comentarios