O empresario que levou o Concello ao xuíz para cobrar recibe dúas multas

Unha debeuse á ausencia dun sinal nunha obra e a outra a falta de documentación

Un dos empresarios que levou ao Concello de Lugo ao xulgado para cobrar facturas atrasadas que suman 100.000 euros recibiu dúas sancións relacionadas con dous contratos que aínda non cobrou. As multas suman 11.000 euros e están recurridas.

O profesional enfróntase a unha sanción de 3.000 euros pola falta dun sinal de limitación de velocidade a 30 quilómetros por hora nunha obra de reparación de arquetas pola que percibirá -cando o Concello lle pague- 2.200 euros. Explica que sinalizou os traballos na Avenida Paulo Fabio Máximo tal como lle indicou a Policía Local: cun valado marelo con balizas luminosas intermitentes, varios conos e o sinal de limitación de velocidade. Porén, segundo a súa versión, ao día seguinte desapareceulle o sinal e varios conos e a Policía Local detectou esa circunstancia cando acudiu a levantar atestado tras a chamada dun cidadán, que vía risco. "O meu fallo foi que non denunciei o roubo. Pero é que os que facemos ese tipo de obras estamos afeitos a que nos falte material", di.

O empresario contrapón este celo policial coa situación que se deu na rotonda da estrada de Portomarín este ano, onde un bache estivo "meses" sinalizado só cun valado cunha baliza luminosa que non funcionaba, asegura. Este empresario quéixase da "nula" colaboración da Policía coas empresas que fan obras na rúa para o Concello, á hora, por exemplo, de retirar coches que impiden os traballos.

A segunda sanción, de 8.000 euros, produciuse porque o Concello lle reclamou documentación relacionada co contrato dun Selfe -un plan de obras e emprego que levou a cabo con outra empresa, polo que teñen pendente de cobrar 47.000 euros-, que non puido aportar, asegura. Explica que o contrato rematou en xuño e que, en decembro, o Concello pediulle xustificantes de que as persoas que contratara levaban máis de seis meses inscritas como desempregadas. "En decembro, moitas estaban traballando fóra de Galicia (en Portugal, Bélxica, Navarra...) e, como esa información é persoal, o Inem non ma dába a min. Se me pediran a documentación en tempo e forma, e por escrito, non tería habido ningún problema, porque eu fun presentando os xustificantes das cotizacións á Seguridade Social de cada traballador mes a mes", afirma.

O empresario sinala que a documentación foille requerida no mesmo mes que el presentou por escrito unha reclamación de pagos ao Concello. "Hai unha coincidencia espazo-temporal clara", di.

O empresario amósase moi molesto polas explicacións que o goberno local deu publicamente sobre a demora nos seus pagos, que lle obrigou a despedir traballadores e a contraer débedas co banco, con Facenda e coa Seguridad Social. Este lamentou a situación deste e doutros empresarios que pasan polo mesmo, pero sinalou que non son representativas dentro do volume anual de pagos do Concello. "Será unha cantidade insignificante, pero gustaríame saber que pasaría se un mes calquera se lle retrasa o pago da súa inmerecida nómina á señora alcaldesa ou ao señor concelleiro portavoz. Digo só que se lle retrase, non que se lle deixe de abonar", sinala.

O goberno tamén afirmou que algunhas facturas eran incorrectas, ao que o empresario replica que, de ser así, teríanllo que ter notificado en tempo e forma a través da plataforma electrónica Face, como fixo nalgunha ocasión. "Andar abonando/corrixindo facturas de exercicios anteriores é meterse nun problema gordo con Facenda", lamenta o profesional.Dos 100.000 euros que o Concello lle debe (a maior parte do ano pasado), máis da metade son de facturas que están pendentes de fiscalización polos servizos correspondentes ou polo interventor municipal, sinalou o goberno.

Comentarios