A elite da ciencia de Galicia recoñece a dous matemáticos lucenses

A Real Academia Galega de Ciencias fixo unha mención honorífica a Alberto Cabada e Lorena Saavedra por unha investigación conxunta
Alberto Cabada e Lorena Saavedra
photo_camera Alberto Cabada e Lorena Saavedra

A Real Academia Galega de Ciencias fixo unha mención aos matemáticos lucenses Lorena Saavedra e Alberto Cabada por unha investigación conxunta no Premio de Investigación 2016. O sarriao Alberto Cabada, catedrático de Análise Matemática da USC, e a investigadora saviñá Lorena Saavedra (Escairón, 1981) foron destacados por un traballo sobre a función de Green, que desenvolveu o británico George Green en 1830.

Alberto Cabada explica que o seu traballo ten aplicacións na construción. Indica que "unha ponte está sometida a varias forzas que a poden facer pandear e o noso traballo trata de determinar a forza máxima que soporta a ponte ata que empea a oscilar". Para Cabada, a mención da RAGC, é positiva "porque a Academia é unha institución respectada".

Lorena Saavedra considera tamén "unha honra esta mención". A matemática indica que "non o fas por iso, pero está ben". No seu caso, fíxoo porque está traballando sobre iso na súa tese doutoral, un tema sobre o que Alberto Cabada publicou un libro.

No seu caso, o recoñecemento non cre que inflúa directamente aínda que si sabe que vai mellorar o seu currículo de investigadora da USC e que lle servirá "máis adiante". Saavedra recoñece que, despois de tres anos como investigadora na Universidad de Santiago, "aínda" non pensou no futuro. Sen embargo, a mención non está de máis dado o estado do seu sector "tanto en financiamento como en prazas", aínda que matiza dicindo que "parece que está mellorando".

A investigadora ten claro que non quere "marchar ao estranxeiro" para traballar, aínda que si o faría en España. A súa opinión vén avaliada por unha estadía de tres meses nunha universidade búlgara.

O catedrático recoñecido concorda coa visión de Saavedra no sentido de que "pasamos anos duros na nosa área porque houbo moitas xubilacións e non se repuxeron". En canto aos novos investigadores, "os que valen conseguen bolsas, pero téñeno difícil cando len a tese".

Alberto Cabada puido cumprir o seu interese como matemático, que naceu no colexio Frei Luis de Granada, de Sarria, seguiu no Ies Xograr Afonso Gómez, e concretouse no Colexio Universitario de Lugo, dende onde pasou á USC para rematar a carreira.

ANISAKIS. Mentres o traballo científico distinguido co Premio de Investigación deste ano por parte da Real Academia Galega de Ciencias, dotado con 6.000 euros, describe un innovador método de detección do parásito anisakis no peixe fresco.Este traballo formula un avance moi demandado pola industria pesqueira e polas autoridades de inspección alimentaria. O equipo galardoado forma parte do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) ten en Vigo.

Os produtos do mar galegos son líderes no mercado español, no que, segundo a consultora Nielsen, se investiron 8.000 millóns de euros da cesta da compra só en 2015. O peixe fresco representa o 63% dos produtos do mar, na que o parásito anisakis ten unha presenza preocupante para os consumidores, a industria pesqueira e a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria.

Atendendo a este requerimento, o equipo do IIM realizou unha investigación que derivou no deseño dun novo método de control rápido e específico para a detección de diferentes especies deste parásito, utilizando a espectrometría de masas aplicada á proteómica -análise de proteínas a gran escala-.

O premio para investigadores mozos, no que se recoñece o traballo de científicos menores de 28 anos, foi para Silvia Barja, do Grupo de Fisiopatoloxía Endócrina do IDIS. Os seus estudos conclúen que unha dieta alta en graxa diminúe a produción no estómago dunha proteína capaz de actuar como protectora fronte á obesidade.

A mención de investigadores mozos correspóndelle a Jessica Rodríguez, do Centro Singular de Investigación en Química Bioloxía e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC, por un traballo sobre secuencias de ADN.

Comentarios