Os elfos do fin de ano

Esta noite é de troula, pero non para todos. Moitas persoas traballan para que o resto teñamos a festa en paz.
Reloj
photo_camera Posta a punto dun reloxo para dar as badaladas.

A noite de hoxe é a máis festiva do ano. As casas, restaurantes, rúas e locais de ocio énchense de xente ansiosa de celebrar a estrea dunha nova axenda de doce meses coas páxinas en branco e moito por escribir.

Pero a festa non se fai soa e para que a maioría poida gozar dela en todo o seu esplendor, hai xente que traballa e que merece un recoñecemento. Moitos non cearán nas súas casas, non comerán as uvas nin terán brinde de inicio de ano. Pasarán a noite en vela, pero non bailarán nin cantarán nin abrazarán a familiares e amigos. Estarán nos seus postos de traballo porque son necesarios para que todo flúa.

  1. Eugenio Chavarrías, hostaleiro: "Trabajo con gusto porque es un buen día para el negocio"
  2. Carlos Arias, condutor de EcoLugo: "Ás sete hai que saír co camión e a xente aínda está na rúa"
  3. Miguel Ángel Lostre, taxista: "A partir das uvas empeza o follón ata que se fai de día"
  4. Iván Edrosa, cantante: "Levo 20 anos perdendo o fin de ano. Para min é día laboral"
  5. Pablo Pena, operario dunha estación de servizo: "Este ano será a primeira vez que coma as uvas só"
  6. Juan Ventura, vixiante de estradas: "Tiven que levantarme moitas veces da mesa durante a cea"
  7. José Cuba, policía nacional: "Cando optas a este traballo xa sabes que é as 24 horas"
  8. Belén Santiso, policía local: "Está dentro de lo normal, se puede complicar cualquier día"
  9. Rocío Pérez, médica dunha Uvi móbil: "En canto recibimos un aviso temos tres minutos para saír"
  10. Óscar Freire, bombeiro: "Ninguén pide este día libre porque supón fastidiar a outro"

QUEN SON. A presenza máis evidente é a dos traballadores da hostalería, atarefados con ceas e sobremesas que se prolongan ata que sae o sol. O ocio nocturno tampouco folga esta noite e miles de camareiros estarán á disposición de quen teña sede. A música é fundamental para a festa e cómpre lembrar que os artistas que hoxe encherán os palcos están traballando.

Pero hai outros moitos sectores que permanecen activos esta noite. Os taxistas teñen máis demanda que calquera outro día do ano. E para que os coches circulen necesitan gasolineiras abertas e estradas despexadas, así que tamén hai xente de garda para atender calquera incidencia nunha noite de choiva como a que se prevé para hoxe.

Os corpos de seguridade e os de emerxencias están a pleno rendemento . Policía Local, Nacional, Garda Civil, bombeiros e sanitarios. Cada un no seu posto e alerta. E xa de madrugada, os servizos de limpeza saen ás rúas para borrar o rastro da troula.

Son exemplos, pero hai moitos máis. Asumen as súas tarefas con dedicación e só piden "sentido común" para ter a festa en paz.

Eugenio Chavarrías, hostaleiro: "Trabajo con gusto porque es un buen día para el negocio"

Eugenio Chavarrías
Eugenio Chavarrías, no seu hotel.

O hotel Mirador de Barcia, en Ribeira de Piquín, non apagará as luces esta noite. Acollerá unha festa moi especial para quen desexe recibir o novo ano nun entorno rural, apartado do ruído, pero cunha boa cea e moita festa. O xerente, Eugenio Chavarrías, explica que hai unha ducia de anos que organiza esta celebración cada 31 de decembro. Para os empregados do complexo supón un gran esforzo, tanto laboral como familiar, porque non pasarán esta noite cos seus, pero as datas sinaladas teñen na hostalería esa dobre cara: unha fonte de ingresos moi importante e a obriga de traballar mentres o resto da xente desfruta.

Eugenio Chavarrías recoñece que "alguna vez me apetecería quedarme en mi casa, pero trabajo con gusto porque es un buen día para el negocio". A festa conleva un esforzo de todos os traballadores do hotel. "La cena da mucho trabajo en la cocina. Después hay baile y un camarero tiene que estar en la barra hasta que termine". Pero a xente queda a gusto e este ano hai máis reservas que o pasado.

Carlos Arias, condutor de EcoLugo: "Ás sete hai que saír co camión e a xente aínda está na rúa"

Carlos Arias
Carlos Arias, no camión.

Traballa na empresa EcoLugo, que se ocupa da recollida de lixo en Lugo. Conduce un camión que arrancará ás sete da mañá do 1 de xaneiro para baleirar os contedores da cidade tras unha noite de troula. É un día especial de traballo. "Hai que aguantar o que hai pola rúa", comenta Carlos Arias, e explica que "a xente que vai andando non molesta. O que entorpece o traballo dos camións de recollida son os coches".

Esta dinámica repítese cada ano, tanto en Nadal como en Ano Novo. "As noites do 24 e o 31 non traballamos, estamos libres todos, pero non se pode facer moito exceso porque ás sete da mañá hai que saír co camión, cando aínda a xente está celebrando pola rúa", explica.

O traballo desas xornadas festivas é diferente ao habitual porque a planta de Sogama onde teñen que baleirar os camións está pechada. "Traballamos a metade dos condutores e cando temos un camión cheo cambiámolo por outro. Deixámolos cargados ata que abren o depósito de residuos. O turno que entra o día 1 ás dez da noite descárgaos e fai de novo o servizo habitual", explica.

Está todo pensado para que os colectores do lixo sufran o menos posible os efectos da festa.

Miguel Ángel Lostre, taxista: "A partir das uvas empeza o follón ata que se fai de día"

Miguel Ángel Lostre
Miguel Ángel Lostre, co seu taxi.

É taxista e vai prestar servizo toda a noite. "Hai moita carga de traballo e moitos taxis de reforzo porque os que están habitualmente polas noites non chegan para atender a demanda de fin de ano", explica. Di que xa contan con esta xornada de traballo tan intensa porque "é todos os anos así, témolo asumido". E non lles desagrada porque "somos coma a hostalería, traballamos cando hai movemento de xente. Cubrimos un servizo necesario, pero tamén compensa porque sabemos que esa noite imos traballar ben. Merece a pena facer un esforzo e buscar outro día de descanso despois".

Miguel Ángel Lostre explica que "nas horas previas á cea xa hai moito movemento. Despois para un pouco porque é cando a xente está na casa ou no restaurante onde vai cear, e a partir das uvas empeza o follón e xa non paramos ata que se fai de día".

O taxista lembra que esta noite seguirán o protocolo habitual que manteñen todo o ano para dar seguridade aos seus clientes. "Recollemos á persoa na parada ou no lugar desde onde demande o servizo e deixámola onde nos pida. Se é na casa esperamos a que entre no portal e vixiamos para que nese traxecto non lle pase nada. Non importa a idade que teña nin que sexa home ou muller, facémolo pola seguridade de calquera usuario dun taxi", explica.

Iván Edrosa, cantante: "Levo 20 anos perdendo o fin de ano. Para min é día laboral"

Iván Edrosa, cantante.
Iván Edrosa, cantante.

"Levo 20 anos perdendo o fin de ano. Para min é un día laboral sempre", afirma Iván Edrosa. É cantante na orquestra Tattoo e empezará a traballar xusto cando soen as badaladas. No momento do cambio de ano, estará subido nun escenario e en canto o reloxo deixe de tocar empezará a facelo o seu grupo.

"É unha data que xa teño asumida. Fastidia estar lonxe da familia en días sinalados, pero o fin de ano, como xa é tan habitual, é un día máis", explica. Dóelle máis perder outras celebracións familiares. "Creo que na miña vida fun a tres vodas. Perdes comuñóns, aniversarios, moitos eventos importantes", apunta.

Conta que o traballo na noite de fin de ano é agradable. "O público está contento, entre amigos ou familia, con ganas de festa. Soe haber bo ambiente". Iso non lle resta mérito ao labor da orquestra porque "hai que levantalos da cadeira igual".

Pablo Pena, operario dunha estación de servizo: "Este ano será a primeira vez que coma as uvas só"

Pablo Pena
Pablo Pena, na estación de servizo.

Traballa nunha estación de servizo e será "a primeira vez que coma as uvas só». Pablo Pena di que lle fastidia un pouco pasar ese momento sen compañía, pero non dramatiza a situación. "Non intentei nin sequera cambiar a quenda porque preferín descansar en Noiteboa, que é cando máis agradezo estar na casa", explica.

Empezará a traballar ás dez da noite e rematará ás seis da mañá. Durante ese tempo, os surtidores de combustible funcionan con autoservizo e Pablo Pena atenderá os clientes a través dunha ventá. "Eu estou dentro da tenda, podo despachar o que me pidan, pero pola ventaniña. Por seguridade, de noite está a porta pechada e non pode entrar ninguén", explica.

Nunca lle tocou traballar este día, pero supón que "será tranquilo a primeira hora, cando a xente está ceando. O movemento de coches pode comezar de madrugada". E con esta perspectiva, lémbrase dos compañeiros que lle darán o relevo ás seis da mañá. "Tal vez sexa máis complicado para eles porque a esas horas é cando a xente volve para a casa".

Juan Ventura, vixiante de estradas: "Tiven que levantarme moitas veces da mesa durante a cea"

Juan Ventura
Juan Ventura, vixiante de estradas.

É vixiante de estradas e leva doce anos perdendo algunha das ceas do Nadal. "Traballo sempre, ou o 24 ou o 31 de decembro e tiven que levantarme moitas veces da mesa durante a cea para ir atender algunha incidencia", conta Juan Ventura

A xornada de vixiancia en noites coma a de hoxe é de doce horas, entre as seis da tarde e as seis da mañá, polo que non hai xeito de evitar os momentos críticos. O temporal de Noiteboa e a chuvia que se agarda para esta fin de semana non facilitan o traballo. "Hai que atender os desprendementos de terra, os danos da auga, sinalizar se hai golpes ou saídas de vías de vehículos..." en definitiva, manter as estradas transitables para que a xente chegue axiña ao seu destino e poida voltar con tranquilidade á casa.

Juan Ventura ten comprobado que "a primeira hora, cando a xente se despraza cara o lugar onde vai cear, pode haber máis incidencias, pero non soen ser graves porque van amodo e ben. O maior problema é a volta, a partir das dúas da madrugada o día de Noiteboa e sobre as seis ou sete da mañá o día de ano novo. Sempre hai algunha saída de vía".

Se a xornada está tranquila podería tomar as uvas, pero sen baixar a garda, sempre pendente do teléfono. E rara é a noite que non soa. Non é estraño porque baixo a súa vixiancia ten máis de 580 quilómetros de estradas nacionais e autovías. "Nas fins de semana percorremos os 580 quilómetros cada día para comprobar que está todo en orden. Sumámoslle 20.000 quilómetros ao mes á furgoneta", di como curiosidade.

José Cuba, policía nacional: "Cando optas a este traballo xa sabes que é as 24 horas"

José Cuba
José Cuba, policía nacional en Lugo.

Xa está curtido. Leva traballado moitos 31 de decembro e non se amarga por iso. José Cuba é policía nacional e estará de garda esta noite. "Gusta estar coa familia, pero non lle dou voltas. Cando optas a este tipo de traballo xa sabes que é as 24 horas", afirma.

Enfronta esta xornada con normalidade. "Ás veces unha noite con menos actividade acaba complicándose. Non se pode predicir", comenta. Di que as horas máis conflitivas son a partir das seis da mañá. "A xente pasa a noite nos locais e cando sae pode haber algún altercado. Aínda que tamén pode haber algún problema nas casas porque é día de ceas en familia que non sempre acaban ben", apunta.

En todo caso, incide en que a noite de fin de ano non é máis excepcional que "calquera do San Froilán, do Arde Lucus ou da Semana Santa". Apunta, porén, que "Lugo é un sitio tranquilo onde a xente polo xeral se sente segura cando anda pola rúa".

Belén Santiso, policía local: "Está dentro de lo normal, se puede complicar cualquier día"

Belén Santiso. SEBAS SENANDE
Belén Santiso, policía local en Lugo.

Belén Santiso é a inspectora xefa que estará á fronte da Policía Local de Lugo esta noite. Comerá as uvas cos seus compañeiros de traballo "si se puede", pero confía en que poderán porque di que a esas horas a noite está tranquila.

O movemento comeza máis tarde, "lo peor llega a partir de las cuatro o cinco de la madrugada", pero considera que "no suele ser especialmente conflictivo". 

Belén Santiso explica que a maior presenza de xente nas rúas e nos locais de ocio podería suscitar máis incidencias, pero entende que "está dentro de lo normal, se puede complicar cualquier noche". A Policía Local de Lugo terá reforzos nesta quenda, pero a inspectora xefa espera que non haxa excesiva actividade

Ela asume a xornada laboral coma unha máis. "No es la primera vez que me toca. Me fastidiaría más que fuese en Nochebuena, que también he trabajado alguna vez". E espera que os lucenses empreguen o "sentido común" para que todos poidan celebrar a festa en paz. 

Rocío Pérez, médica dunha Uvi móbil: "En canto recibimos un aviso temos tres minutos para saír"

Rocío Pérez Amor
Rocío Pérez, cunha ambulancia.

Por casualidades da vida, leva tres anos traballando a noite do 31 de decembro. "Non é habitual que toque tantas veces seguidas, pero cambiei de posto e cadrou así. Tres noites en tres destinos diferentes", explica Rocío Pérez, médica da ambulancia medicalizada con base en Foz. A súa quenda empeza ás nove da mañá do 31 e remata á mesma hora do día 1. Poderá ir durmir canda os que andan de troula.

Rocío Pérez di que é "unha noite impredecible, según cadra. As últimas foron razonables. Con tanta festa é lóxico pensar que pode haber máis incidencias, pero non ten por que ser así".

A ambulancia na que esta médica traballa é unha Uvi móbil. "Leva o equipamento imprescindible para atender una emerxencia sanitaria grave", explica, pero non é a única que estará operativa esta noite. "Nos PAC hai ambulancias básicas e tamén haberá médicos de garda. Somos moitos os que estaremos esta noite despertos", apunta.

E oxalá todos puideran comer as uvas tranquilamente nas súas bases, porque significaría que ninguén necesita asistencia. Rocío Pérez explica que as chamadas que o particular fai ao servizo de emerxencias están centralizadas na Estrada. En canto se reciben, ela e o seu equipo teñen tres minutos para arrincar e "hai que cumprir os tempos", así que non van baixar a garda en ningún momento da noite. "Aínda que algunhas veces a xente protesta porque parece que tardamos, nós saímos aos tres minutos, pero en Galicia hai distancias", di. 

Asume que esta noite é coma outra calquera dentro do seu cometido profesional, pero confesa que lle gustaría "pasala na casa porque levo tres anos sen comer as uvas co meu marido e cos meus fillos". En todo caso, non lle dá moitas voltas. "Estamos ao que haxa, nas mans do azar, da sorte" e do sentido común, porque non todo acontece por casualidade.

Neste aspecto, Rocío Pérez chama á responsabilidade da poboación. Explica que a súa ambulancia é a única Uvi móbil da Mariña. "É un recurso que hai que utilizar de forma responsable. Se a ocupamos cunha incidencia menor, deixamos descubertas outras urxencias máis graves que si precisan dunha Uvi".

Rocío Pérez estará moi atenta ao teléfono esta noite de festa, pero o mellor que pode pasar é que teña moito tempo para aburrirse.

Óscar Freire, bombeiro: "Ninguén pide este día libre porque supón fastidiar a outro"

Óscar Freire
Óscar Freire é bombeiro de Lugo.

Pasará esta noite en vela, pero non de festa.

É bombeiro en Lugo e está de garda, igual que o resto dos compañeiros da súa quenda, e permanecerán moi atentos a todo o que aconteza. "As nosas quendas son cíclicas, tócame traballar este día cada cinco anos, así que xa non é a primeira vez. Como sabemos exactamente cando nos cadra a cada un xa o asumimos e custa menos, aínda que a todos nos gusta pasar estas datas na casa", explica.

Con este detalle presente, os bombeiros de Lugo teñen "unha norma non escrita: as datas sinaladas, como o 24 ou o 31 de decembro, ninguén pide o día libre, nin de asuntos propios nin de vacacións. Traballamos os que nos toca porque non facelo supón fastidiar a outro compañeiro", apunta.

Como traballan en ciclos de cinco días, nunca lles toca o 24 e o 31 o mesmo ano, unha das dúas datas poden desfrutala en familia. A outra, cando están de servizo, "desfrútase doutra maneira porque tamén é agradable pasala cos compañeiros. Estamos as 24 horas do día xuntos e esa convivencia crea lazos de amizade. Tamén tomamos as uvas xuntos se podemos", comenta.

Aínda que non sempre é posible. "Un ano estabamos preparando as uvas e avisáronos dun accidente na N-VI. Cando volvimos xa cambiaramos de ano, pero deunos tempo a tomalas coas badaladas de Canarias, así que todo ten solución se hai vontade", afirma.

Conta que a noite de fin de ano "soe ser tranquila en canto a incendios. Hai máis perigo polos coches que polo lume, así que as incidencias soen aparecer sobre as dúas ou tres da madrugada, cando aumentan os desprazamentos".

Afirma que é raro que se rexistren grandes lumes porque "a xente está nas casas, desperta, e se hai un conato reacciona axiña, así que nese sentido ata é bo que se deiten máis tarde". En todo caso, chama á prudencia que require unha noite de tanta actividade.

Aínda está na retina a imaxe dos bombeiros pendurados sobre o río Lérez intentando recuperar os sete corpos das vítimas do accidente de autobús rexistrado en Noiteboa. Custa asimilar a tranquilidade coa que estes profesionais se enfrontan ao que poida vir. Só lle piden á xente prudencia e sentido común, un pago ben barato pola súa dedicación.

Comentarios