Elena Candia: "As vacas téñoas na casa, non me fai falta velas en campaña"

Matiza que antes de Elena leva o nome de María, pero non o utiliza. A presidenta do PP e candidata ao Parlamento por Lugo preséntase de azul —chaqueta, vaqueiro, blusa e zapatos— "de casualidade", di. Exalcaldesa de Mondoñedo e coa bagaxe de nove anos convulsos na Deputación, cambia de rumbo político apostando polas augas tranquilas da Xunta
Elena Candia. XESÚS PONTE
photo_camera Elena Candia. XESÚS PONTE

Té negro con xeo, esa é a bebida que escolle a candidata do PP para repoñerse do calor que fixo este mércores en Lugo e afrontar esta entrevista con respostas longas, aparentemente sinceiras e unha grande dose de convicción por Feijóo, como se podía agardar. 

Mellor aspirar á Xunta que á Deputación Provincial? 
A Deputación é unha Administración útil, áxil, bonita, con liquidez... aínda que a lexislatura pasada houbo un desgaste político brutal na que o PSOE gobernou en minoría e o PP foi parte da solución. Todo iso supuxo moito esforzo. Foi unha etapa intensa —especialmente os catro meses que estiven de presidenta— sen orzamentos, coa ameaza dunha moción de censura... Pero, aínda así, na Deputación faise unha política útil e síntome orgullosa. 

Foi unha escola de política? 
Foi unha escola de política e da condición humana. Os plenos eran moi broncos, ás veces había faltas de respecto... pero, aínda así, os orzamentos de hoxe son idénticos aos que se aprobou na lexislatura anterior. 

As augas do Parlamento parecen máis tranquilas pero non teme que os novos grupos, consecuencia da escisión das esquerdas en Galicia, acaben por avivar as sesións na próxima lexislatura autonómica? 
O que hai en Galicia é unha esquerda con pouco entendemento. Só os une sacar a Feijóo da Xunta. Se se xuntasen todos, tardarían horas en poñer sobre a mesa unha proposta. Cóstame crer que sexan capaces de entenderse, co cal unha alternancia no poder veríaa como moi difícil e negativa. 

Haberá máis entendemento na dereita entre PP, Vox e Ciudadanos? 
De Vox, sábese pouco. Non se coñece nin o candidato en Lugo. Ciudadanos ten unha mensaxe máis centrada e educada pero sen proxecto. Tanto nun caso como noutro, será un voto que non vai ter utilidade. Agora, o voto é máis útil e necesario que nunca. 

Pero tamén poden ser partidos bisagra, especialmente para o PP. 
Non o sei, pero a primeira posta en escea de Vox foi atacar o presidente Feijóo. Así que non teño claro que poidan ser bisagra. 

As enquisas favorecen ao PP, pode ser isto unha trampa e dar un xiro o electorado? 
As enquisas positivas supoñen pequenas doses de motivación pero a única enquisa que vale é a da urna. A mellor maneira de perder unhas eleccións é pensar que as tes gañadas. 

Son estes tempos cómodos para os políticos co Covid por diante? 
Hai que empezar a traballar xa o día 13. Galicia non pode estar meses repartindo espazos de poder. Hoxe, ser candidato sácalo dun titorial de Youtube pero a clave é que fas ou que fixeches ante un problema así. O país está para poucos experimentos. 

A chave da vitoria popular estará nesta provincia? 
Iso pasou no 2009 pero pode ser malinterpretado se o dixese agora. Temos unha boa candidatura e os lucenses poden ver o compromiso materializado. O maior aval é a xestión dos proxectos coa seriedade, o compromiso de traballo, o rigor e a solvencia cos proveedores dos servizos públicos de Feijóo. 

Por que hai tanto votante de dereitas nesta provincia? 
Dise que os votantes de dereitas son a xente maior, o cal é un piropo porque as decisións son mellores cando acumulas experiencia. O PP ten en Lugo votantes xóvenes, de mediana idade e maiores. Feijóo sempre tivo unha grande empatía cos lugueses. 

Será porque a despensa dos votos do PP está no rural? 
Hai moito voto urbano de Feijóo. Si que se asocia o voto do PP ao rural pero matematicamente non é así. De todas formas, o voto é igual de válido nun sitio que noutro. 

Vimos a Casado e Feijóo visitando explotacións gandeiras estes días, ten o PP unha especial querencia polo rural nesta campaña?
É o momento para reivindicar a importancia do rural. A min, as vacas non me fai falta velas en campaña porque xa as teño na casa, pero debemos os políticos facer xestos e comprometernos polo que temos ao lado. 

Vese como conselleira? 
Non, vinme como alcaldesa de Mondoñedo. O lugar onde esteamos é o menos importante, non hai que pensar no sillón. 

Cantas mulleres haberá na próxima Xunta gobernada polo PP? 
Nas candidaturas, o PP demostrou un equilibrio. A min, foi un partido que me deu sempre moitas oportunidades. Supoño que poderá haber as mesmas que había pero as que haxa non serán por cumprir unha cota. 

Vostede foi a primeira muller presidenta do PP en Lugo... 
Si, iso é unha anécdota, aínda que a política segue a ser un mundo de homes.

Moi persoal | "O meu maior defecto é que teño moito carácter, pero pode ser tamén unha virtude"
O anel de Candia. EPAlgo que sempre leve enriba? 
Un anel que me trae sorte e que foi un agasallo. 

Unha tarefa doméstica pendente. 
Coser á máquina algunhas prendas. Se te refires a cousas que teño pendentes por facer ou aprender, diríache que palillar. Fai falta moita paciencia e eu non a teño! 

O seu peor defecto. 
Teño moito carácter, o que tamén pode ser unha virtude. 

A iso imos agora. Cal sería a súa maior virtude? 
A capacidade de traballo. 

Cantas horas chegou a traballar ao día? 
Hai xornadas de dez horas. 

Cal foi o maior chasco que se levou na política? 
Non o sei... Ás veces, gañas, e ás veces, perdes. Quizais no 2011 cando, por poucos votos, non acadei a maioría absoluta no Concello de Mondoñedo. 

Que soldo debería gañar un deputado no Parlamento galego, se estivese da súa man? 
Debería ser un soldo posto en función do que traballe. Realmente, non sei o que cobra un deputado. 

Atrévese a dar unha cifra? 
Non, insisto, creo que debería estar en relación ao traballo e tamén a unha responsabilidade semellante que poida haber no mundo empresarial galego. 

Mellor con tacóns ou en plano? 
Plano de todo, non. Digamos que tacón medio. 

Rural ou urbanita? 
Iso non fai falta que o conteste, sempre rural. 

Por onde lle sae a súa vea rural no seu carácter? En que se lle nota que vostede é de aldea? 
Na liberdade, a xente do rural ten menos ataduras. Nos ambientes urbanos, hai moitas máis ataduras. Creo que esa liberdade que dá o vivir no medio rural é o que máis impronta tivo no meu carácter. 

Que prefire ser: cabeza de rato ou cola de león? 
[Rise]. Depende, depende de moitas cousas. 

Río, mar ou eira? 
A min gústame moito o mar. Así que direi que o mar.

Comentarios