Un notario do Santander levanta acta da demolición do Garañón

O banco, principal acredor no proceso concursal do promotor da frustrada urbanización, volveu recorrer ao xulgado para pedir que se paren os traballos que arrincaron estes días
Derribo de O Garañón. SEBAS SENANDE
photo_camera Derriba do Garañón. SEBAS SENANDE

Un notario entrou na parcela do Garañón este venres, a petición da propiedade, o Banco de Santander, para levantar acta dos primeiros traballos de demolición que se están levando a cabo estes días. E é que a entidade bancaria solicitou de novo nun xulgado lucense medidas cautelarísimas para intentar frear o proceso de derrubamento desta urbanización, anulada en firme pola xustiza en 2017, cando o Concello decidiu non seguir recorrendo. O fedatario accedeu á parcela a través dun valo que estaba aberto pola Avenida República Arxentina.

O Santander é principal acredor no proceso concursal ao que se viu conducida a empresa promotora do Garañón a raíz precisamente da paralización e posterior ilegalización desta urbanización, situada á beira das costas do Parque Rosalía de Castro.

Foi o banco quen concedeu ao ourensán Ricardo Iglesias a hipoteca para construír as torres e é quen máis está a pelexar por mantelas en pé, aínda que tamén o promotor presentou alegacións no seu momento contra o proxecto de derriba e a orde de execución ditada polo Concello, que é quen finalmente está a asumir os traballos de forma subsidiaria.

O Santander intentou desde o primeiro momento frear o proceso, en vía administrativa e con diversos escritos enviados ao Concello tanto antes como despois do inicio da derriba, e no xulgado, pedindo medidas cautelares e cautelarísimas. Ata o momento sempre foron desestimadas. A entidade recorreu algún deses autos ao TSXG, que aínda non se pronunciou, e agora persiste coa solicitude de novas medidas cautelares.

O banco alega que o caso está sub iudice, pero o goberno de Lara Méndez confía en que a resposta do xuíz siga sendo a mesma, máximo cando hai unhas semanas resolveuse o proceso xudicial máis importante que afectaba ao Garañón, a reclamación patrimonial do promotor. Esta foi desestimada en primeira instancia e recorrida polo interesado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que aínda tardará en pronunciarse. 

Ata que haxa resposta á nova solicitude de medidas cautelares, o Concello deu orde á empresa que derruba O Garañón a que siga traballando. O derrubamento comezou esta semana, cunha escavadora que está a tirar abaixo a estrutura dos garaxes dunha torre que non tiña máis que esta parte construída. Prevese que o luns chegue unha máquina de grandes dimensións, cun brazo articulado de 45 metros de longo, para empezar a tirar as outras dúas torres, de nove e dez alturas sobre rasante.

Comentarios