O TSXG ordena investigar posibles infraccións no Rato que denunciou Adega

A sentenza chega tres anos despois de que a Confederación Hidrográfica considerase naturais as perdas de caudal e negase uns recheos de terra
El río Rato, seco, en imagen de comienzos de 2012
photo_camera El río Rato, seco, en imagen de comienzos de 2012

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de ditar unha sentenza na que condena á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) a actuar contra varias agresións ao río Rato ao seu paso por Lugo, que foron denunciadas polo grupo ecoloxista Adega.

A confederación desestimou en febreiro de 2012 as denuncias realizadas por esta organización ambiental e agora o alto tribunal demanda que ou ben se incoe procedemento sancionador polo ocorrido nesta canle fluvial ou ben prosiga a investigación sobre o ocorrido.

Segundo recordou Adega este martes, a asociación denunciou en 2010 varios recheos de terra, verteduras e perdas de caudal en varios lugares da canle alta do río Rato, entre o polígono do Ceao e a ponte nova de Paradai. A confederación arquivou a denuncia "sorprendentemente", alegando que as perdas de caudal tiñan causas naturais e negando os recheos.

Tras dar conta deste fallo xudicial, emitido a finais de xaneiro, Adega expresa a súa "satisfacción", aínda que considera "abusivo que as administracións públicas, neste caso a Confederación, sigan desatendendo as súas funcións e obrigando a unha asociación de escasos recursos económicos e sen ánimo de lucro a acudir aos tribunais para defender un ben público, o río Intre, de agresións tan groseiras e indiscutibles".

Comentarios