O Sergas planea tirar a lavandería do Xeral para facer o centro de saúde

Fernández-Campa comunicou á mesa de traballo para revitalizar o barrio da Residencia que se fará un estudo de viabilidade
La reunión celebrada este miércoles en Santiago
photo_camera La reunión celebrada este miércoles en Santiago

O Servizo Galego de Saúde realizará un estudo de viabilidade para comprobar se pode tirar os edificios que ocupaban a lavandería e a central térmica no vello hospital Xeral e levantar un novo que albergue as consultas que se trasladarán desde o centro de saúde da Milagrosa. Así llo deu a coñecer este mércores o director do Sergas, Antonio Fernández-Campa, aos membros da comisión de traballo para revitalizar o barrio da Residencia, segundo aseguraron estes, aos que recibiu en Santiago de Compostela. A antiga lavandería e a central térmica atópanse na parte de atrás do que foi edificio administrativo do Xeral, o único que está actualmente en funcionamento porque acolle a unidade de saúde mental. 

Prevese que ese estudo de viabilidade estea listo en dous meses, segundo indicou Fernández-Campa, que estivo acompañado polo xerente da área integrada de Lugo, Ramón Ares. O director do Sergas tamén lles comentou aos membros da comisión de traballo da Residencia, segundo explicaron, que a parcela do antigo Xeral-Calde pode ser segregada, de tal forma que a comisaría de Policía Nacional podería situarse no edificio que ocupaba o hospital Materno-Infantil e demoleríase o do Xeral, para o que negocian o respaldo doutros organismos.

VALORACIÓNS. A presidenta da Asociación de Veciños e Comerciantes da Residencia, Cecilia Vázquez, que recordou que este xoves, ás 20.30 horas, volverán concentrarse ante o Xeral, dixo ao final da reunión que se sentían "enganados" porque lles ofrecen "os mesmos proxectos de hai cinco anos", o tempo que leva pechado o antigo hospital. Cecilia Vázquez cualificou como "tomadura de pelo" que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, os recibise pero non quedase á reunión, como estaba previsto, segundo sinalou a portavoz veciñal. Ademais da presidenta da asociación da Residencia acudiron os concelleiros Miguel Fernández do PSdeG-PSOE; Antonio Ameijide do PP; Cristina Pérez Herraiz de Lugonovo; Olga Louzao de Ciudadanos e Carlos Portomeñe de Ace-EU. Non puido acudir ningún edil do BNG.

Comentarios