O PPdeG 'trasládase' a Lugo, unha "prioridade" para a Xunta

O grupo parlamentario reuniuse na sede do PP local ► Puy destacou o investimento na cidade en ámbitos como a muralla ou a Tinería, falou do Auditorio e a alta velocidade e valorou a Castiñeira como un dos parlamentarios "máis apreciados"

O portavoz do grupo parlamentario do Partido Popular, Pedro Puy, asegurou este luns que a provincia de Lugo é unha "prioridade" para o goberno galego en materia de investimentos, como o demostra o propio orzamento da Xunta de Galicia, dado que este territorio recibe o "maior investimento per cápita", con algo máis de 3.500 euros por habitante.

Puy realizou estas declaracións logo da reunión que celebrou o Grupo Parlamentario esta mañá na sede do Partido Popular de Lugo, a primeira que fai fóra de Santiago de Compostela na presente lexislatura.

SOBRE CASTIÑEIRA. Dixo o portavoz parlamentario que a presenza en Lugo do grupo parlamentario está relacionada coa "renovación" que acaba de producirse no ámbito local do partido, coa chegada de Ramón Carballo á presidencia da agrupación local do PP e a marcha de Jaime Castiñeira, que a partir de agora centrarase nas súas funcións como deputado autonómico.

De feito, recordou que Castiñeira é "un dos tres interlocutores que ten a cidade de Lugo" por parte do PP para levar á Cámara galega os asuntos relacionados coa capital lucense, ademais dun dos "membros máis apreciados" dentro dese grupo, porque tamén é dos parlamentarios "máis veteranos".

Afirmou que "Lugo está moi presente no Parlamento de Galicia", onde o Grupo Popular segue traballando para conseguir a conexión da cidade coa rede de Alta Velocidade, ademais de recordar, que no orzamento da Xunta de Galicia para este ano vai contemplada unha partida para desenvolver os estudos previos á redacción do proxecto da Estación Intermodal, asegurou.

Destacou tamén os investimentos realizados pola Xunta de Galicia en materia de conservación na Muralla, máis de catro millóns de euros desde 2009; os 35 edificios rehabilitados no barrio da Tinería, en pleno centro histórico da cidade; ou a actuación prevista polo Goberno galego na zona da Residencia, que será presentada este luns mesmo polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

Tamén fixo referencia ao efectiva que foi a rebaixa de prezo para incentivar a venda de parcelas no polígono das Gándaras, ata o punto de que "cada vez hai menos" terreos "libres"; ademais de recordar o investimento que está a facer a Xunta e a iniciativa privada, por un importe de 150 millóns de euros, en Rozas, para desenvolver unha tecnoloxía en aviación non tripulada que pode xerar "emprego".

O AUDITORIO. En canto ao novo Auditorio, afirmou que confía en que o acordo co Concello de Lugo para o seu equipamento se faga efectivo, de modo que esta infraestrutura cultural entre en servizo canto antes.

Falou tamén dos investimentos en materia de educación, en concreto do proxecto para facer un novo colexio no Sagrado Corazón e das obras para remodelar o Centro de Formación Profesional das Mercedes.

Por outra banda, no que se refire á atención sanitaria, fixo referencia á polémica polo feito de que o servizo de Hemodinámica do Hula non funcione as 24 horas do día. Recordou que, desde que este servizo se puxo en marcha, xa practicou 400 anxioplastias primarias e máis de 1.000 cateterismos. Puy expresou a súa confianza en que, a partir de agora, se xorde algún problema co Concello de Lugo, se poida resolver pola vía do "diálogo"

Comentarios