O hipermercado de Abella contratará a partir de abril e primará a traballadores residentes en Lugo

E.Leclerc prevé abrir na segunda quincena de setembro, pero a data non é definitiva
Cola registrada el pasado jueves
photo_camera Cola registrada el pasado jueves

E.Leclerc comezará en abril a contratar traballadores para o hipermercado que abrirá no centro comercial Abella, segundo informou este martes a multinacional francesa. As altas dos 75 empregados con que contará en principio esta gran superficie iranse producindo ata xuño.

Un dos criterios que terá en conta a distribuidora do país veciño á hora de realizar esas contratacións é que os traballadores sexan residentes en Lugo. "Desexamos axudar a minorar o drama social do paro e xerar riqueza na cidade", precisa.

Ademais pesará a experiencia que o aspirante teña en empregos similares e para postos específicos a súa formación académica.

O pasado xoves uns 5.300 candidatos a traballar no hipermercado de Abella fixeron interminables colas, durante horas, para entregar os seus currículos na Escola de Empresarios de Lugo.

A compañía xa contactou con demandantes de emprego que lle fixeron chegar o seu currículo a unha conta de correo que ten activa desde o mes de outubro e a algún portal de traballo de internet.

Tras realizar unha preselección de aspirantes por perfil e sección, persoal E.Leclerc realizaralles unha entrevista individual. Cando sexan contratados serán trasladados para realizar a súa formación a algúns da vintena de hipermercados que a multinacional francesa ten en España, sobre todo nas comunidades de Madrid e Castela e León.

Os postos a cubrir son caixeiras, repoñedores, vendedores de non alimentación, profesionais de produtos frescos e xefes de sección.

APERTURA. Aínda non hai data establecida para a apertura do hipermercado, pero E.Leclerc, segundo informou, baralla como máis probable a segunda quincena de setembro, en vésperas das festas patronais de San Froilán.

A gran área de Lugo, a primeira con que contará a multinacional francesa en Galicia, disporá dunha sala de vendas de 3.750 metros cadrados de superficie. Estará situada dentro do centro comercial Abella que ten 1.400 prazas de aparcadoiro, así como tendas de moda, restaurantes, oito salas de cine, unha boleira, un ximnasio e pistas de pádel.

Comentarios