'Einstein-Rosen' de Olga Osorio segue en Cans a súa carreira de éxitos

A cita do Porriño tamén premia un clip dos fonsagradinos Xaime e Antón Miranda
Los protagonistas de 'Einstein-Rosen'
photo_camera Los protagonistas de 'Einstein-Rosen'

Continúan os premios para a directora lucense Olga Osorio e a súa curtametraxe Einstein-Rosen, esta vez, no Festival de Cans, a cita máis importante do cine breve de cantas se celebran en Galicia e en España.

Einsten-Rosen mereceu o premio do xurado ao mellor guión, dotado con 300 euros e un Can de Pedra, "por ser unha metáfora das relacións de poder que se establecen entre dous irmáns a través de algo tan estrambótico como é a física cuántica". Este traballo, que leva ducia e media de premios internacionais, mereceu tamén na cita do Porriño a distinción para os seus protagonistas, Xúlio Abonjo e Ricardo de Barreiro, "por ser capaces de manter a coherencia dos personaxes cun longo intervalo de tempo e dar naturalidade á complexidade dos diálogos", segundo sinalou o xurado.



O palmarés de Cans, que se deu a coñecer este sábado na última xornada do festival, deixou outro galardón con sabor lucense na categoría de videoclips, que encumbrou aos irmáns fonsagradinos Xaime e Antón Miranda, directores do vídeo do tema Mi Re La de Oh! Ayatollah, por conseguir transmitir o espírito da canción. "Ao xurado rouboulle o corazón este videoclip por lograr, con recursos mínimos, facer unha relectura á galega do clásico videoclip de Beastie Boys facendo ademáis unha mestura de estéticas oitenteiras, na onda do filme Kung Fury. O xurado desexa que estes irmáns continúen facendo pezas desta calidade e que teñan un bo futuro", sinalan desde o departamento de comunicación de Cans.

A outra gran triunfadora de Cans foi Andrea Zapata Girau, gañadora do premio do xurado á mellor curtametraxe de imaxe real, dotado con 2.000 euros. Tamén suma na súa carreira Alberto Vázquez, xa reincidente nos discursos de premiados nas galas dos Goya e os Mestre Mateo e que este sábado celebrou un novo galardón para Decorado, a mellor curtametraxe de animación no festival de Cans de 2017.

Comentarios