As Edar de Lugo e Viveiro estarán nun proxecto para detectar o virus

A iniciativa está promovida por Xunta, universidades, empresas e CSIC. O seu obxectivo é facer un seguimento da evolución epidemiolóxica e previr posibles rebrotes da enfermidade
Depuradora de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Depuradora de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e as empresas do sector da auga de Galicia mantiveron unha reunión este martes por vídeoconferencia, na que acordaron pór en marcha sistemas de detección e control da evolución do Covid-19 nas augas residuais, proxecto en que participarán a Edar de Lugo e a de Viveiro. O encontro contou así mesmo coa presenza da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

A iniciativa, impulsada por Augas de Galicia, desenvólvese en colaboración coas universidades de Vigo e de Santiago, que levarán a cabo dous proxectos de investigación en oito depuradoras, que poderán ampliarse a máis. Consisten na toma de mostras en distintos puntos da rede.

No primeiro participan Augas de Galicia, a Universidade de Santiago e o hospital Álvaro Cunqueiro a fin de estudar o impacto do coronavirus nas augas residuais e no medio receptor. Afectará os sistemas de depuración de Vigo, Ourense, Sanxenxo, Ribeira Lugo e Viveiro, e levará a cabo coa colaboración das concesionarias.

O segundo programa desenvolverase entre Augas, as empresas, a Universidade de Vigo e o CSIC nas tres estacións que xestiona directamente a Xunta, que son as de Baiona, Nigrán e Cambados. As mostras tomaranse neste caso no punto de vertedura ao dominio público hidráulico.

Outro estudo afecta xa á depuradora da Coruña, situada en Bens, con colaboración da Xunta, o complexo hospitalario coruñés Chuac e a Universidade herculina. Estas análises serán unha ferramenta "moi valiosa e útil para facer seguimento da evolución e tamén para a detección temperá de posibles rebrotes".

Núñez Feijóo destacou a anticipación, a previsión e a planificación das empresas do sector para dotarse desde o primeiro momento de plans de continxencia a fin de asegurar o seu funcionamento en circunstancias excepcionais, xa que adquiriu equipos de protección individual, acumulou remanentes de subministracións e organizou quendas de traballadores especializados. Feijóo recalcou que a auga é un ben esencial para a saúde, algo que reclamou ao Estado, que o recoñeceu no Boe do 24 de marzo.

Comentarios