Dúas lucenses viven tres días como refuxiadas

Querían coñecer de primeira man a forma de vida dos refuxiados sirios en Grecia e lográrono simplemente poñéndose un veo ► Eva Pombo e Luz Arias fixéronse pasar por sirias para penetrarse nun campo de refuxiados e compartir, durante tres días, a falta de alimentos e a deficiente hixiene e sanidade que hai no seu interior

NON PRETENDÍAN nin se imaxinaban que compartirían haima, comida e baños públicos en deplorables condicións hixiénicas co resto de refuxiados sirios concentrados nun dos moitos campos de Basilika, Grecia, na fronteira con Macedonia. Con todo, a casualidade quixo que as deseñadoras gráficas lucenses Eva Pombo e Luz Arias conseguisen o seu obxectivo de axudar aos refuxiados sirios concentrados en Grecia do mellor xeito posible: vivindo como eles, algo imposible para calquera estranxeiro. 

A aventura de Eva e Luz comezou nunha praia de Tesalónica onde ambas recalaron o pasado verán, logo de tres días como voluntarias na ONG Zaatar, en Atenas, onde deron clases de castelán e coa que colaboran agora economicamente desde Lugo a través da venda dun CD do grupo Seare. "Foi todo casualidade porque, ademais, en primeiro lugar puxémonos en contacto coa ONG máis grandes –Acnur, Cruz Vermella, Médicos sen Fronteiras...– e nin nos contestaron. Logo, fomos ás máis pequenas, que eran grupos de voluntarios, e saíronnos os talleres para os nenos no Pireo, pero con tan mala sorte que xa se desmantelou o campo cando chegamos. Finalmente, atopamos outra ONG local, Zaatar, que traballa con nais solteiras e orfos, e alí si estivemos, pero foi pouco tempo. Así que non nos quedou máis remedio que iniciar, pola nosa conta e risco, unha viaxe cara á fronteira con Macedonia, onde hai unha chea de campos de refuxiados e alí foi onde coñecemos a dúas familias", explica Luz Arias, que acaba de ser premiada no concurso ‘Imaxes con fondo’, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, por unha imaxe do valo furado pola que entraron no campo e un neno do outro lado. 

As mozas lucenses Eva Pombo e Luz Arias infiltráronse, coma se fosen sirias, nun campo de refuxiados de Grecia

UN FLECHAZO. As dúas mozas lucenses contactaron cunha das familias dos campos cando os seus membros aproveitaban as duchas públicas dunha praia de Tesalónica para darse un baño. Decidiron falar con eles para axudalos e aí empezou o ‘flechazo’. "quedaron asombrados de que lles dirixísemos a palabra. Para eles, dicían, iso xa era bastante porque sofren unha discriminación moi grande por parte dos gregos. Entón, contámoslles ao que foramos a Grecia, invitámolos a comer uns xeados e eles dixéronnos se queriamos ir ao campo para ver como vivían e aceptamos a proposta", conta Luz. 

Como o acceso a estranxeiros está prohibido nestes campos, fortemente militarizados, Luz e Eva tiveron que facerse pasar por sirias. Para iso, a familia facilitoulles senllos veos. Cando se converteron en sirias de aparencia, comezaron xa a percibir, na súa propia pel, o desprezo do pobo grego cara aos refuxiados. "Notamos o racismo na rúa e no autobús ao que nos subimos. A xente empuxábanos, mirábannos fatal só por levar veo cando, realmente, nós eramos europeas como eles", indica Luz. 

NO CAMPO. Para acceder ao campo, as dúas mozas lucenses tiveron que meterse por un buraco feito no valo metálico que o rodea, polo que tamén entran e saen clandestinamente os refuxiados para poder adquirir medicamentos e comida no exterior a prezos máis económicos que os que pagan ás mafias que os levan a Grecia e que volven facer negocio con eles dentro do campo. "Foi moi arriscado para nós", recorda Luz, "pero queriamos saber como se vivía alí e informar diso en España. Os gregos non deixan entrar aos de fóra para que non vexan o que hai dentro. Desde fóra, víanse varias naves abandonadas, que están cheas de haimas, onde viven 1.300 persoas en condicións terribles, comendo patacas e pouco máis e cunha gran falta de medicamentos e de hixiene". 

"Non teñen [os refuxiados] ningunha información do exterior e preguntábannos por que lles pechaban as fronteiras se non eran terroristas"

As dúas lucenses conviviron alí cunha parella ?formada por un instalador de aire acondicionado e unha perruqueira? e os seus dous fillos que, á súa vez, fixéronse cargo dun adolescente que quedou sen familia e sen pasaporte na súa fuxida de Siria. Tamén fixeron amizade con outra familia, con outros dous nenos, na que o pai se gañaba a vida como cociñeiro antes de fuxir das bombas. "As historias que contan son terribles. Nun dos casos, pasáronse cinco meses vagabundeando dun campo para outro en Turquía e Grecia despois de que os pillasen saíndo de Siria, polo que estiveron tres meses no cárcere. En Turquía, a situación dos campos é aínda peor que en Grecia: moita xente morre, péganlles, non teñen que comer. Alí contactaron coas mafias e leváronos a Grecia en barco a cambio de deixar parte dos seus aforros e pagar 2.000 euros por cabeza", di Luz, que aínda se emociona recordando a súa experiencia. 

As familias sirias acolleron a Luz e a Eva, cos brazos abertos, facéndolles sentir, salvadas as circunstancias, como na súa casa. "Foron superhospitalarios. Cremos que se sentían moi a gusto téndonos como invitadas porque lles facía sentirse como persoas normais, non como refuxiados. Ensináronnos bailes, compartiamos a súa comida e durmiamos coas mulleres. Tratáronnos coma se fósemos da familia. Pasamos tres noites só, a calor era terrible, non tiñan médicos (dicían que só ía un de cando en vez) e os fármacos estaban caducados. Unha nena estaba enferma e saímos a Tesalónica a comprarlle medicamentos básicos. Tamén lles demos diñeiro, libros e material escolar", di Luz. 

POR QUÉ? As familias sirias fixéronlles ver as súas preocupacións e as súas incertezas. "Non teñen ningunha información do exterior e preguntábannos por que lles pechaban as fronteiras se non eran terroristas. Estas familias dirixíanse a Alemaña e Suíza, onde teñen parentes, pero realmente eles non queren quedar en Europa, queren volver a Siria cando acabe a guerra. Especialmente duro foi cando unha das nais despediuse de nós pedíndonos: ‘Por favor, levarvos para España aos nosos fillos’. A nós rompéusenos o corazón pero só puidemos contestarlle que non podiamos", sinala Luz.