Dous mozos afrontan penas de dous anos por queimar colectores

Están acusados de prender lume cun chisqueiro a depósitos en Catasol e San Roque ► As chamas danaron turismos, edificios e un negocio e pídenlles máis de 12.000 euros

O ministerio fiscal solicitou este martes sendas penas de dous anos de prisión para dous mozos acusados de queimar varios colectores polas rúas de Lugo. Os mozos, que foron acusados dun delito de danos, rexeitaron a posibilidade de recoñecer os feitos e pactar a condena co fiscal, polo que o xuízo celebrouse e quedou visto para sentenza.

A Fiscalía explica no seu escrito de acusación que na noite do 23 ao 24 de outubro de 2012, sobre a unha menos cuarto da madrugada, os acusados prenderon lume con senllos chisqueiros que levaban a un colector da Rúa Catasol, que comezou a arder. O incendio afectou as canalizacións dun inmoble e a un vehículo, un Daewo Lanos, que se atopaba estacionado nas inmediacións. Os dous mozos seguiron camiñando pola cidade e un intre despois prenderon lume cos seus chisqueiros a outro colector sito na rúa San Roque. Nesa ocasión, o lume tamén adquiriu unha importancia considerable e afectou a un edificio, a un establecemento que funcionaba como frutería e a un vehículo que se atopaba estacionado na rúa.

Os mozos, localizados pola Policía a mesma noite dos incendios, rexeitaron no xuízo recoñecer a súa implicación

Mentres os bombeiros sufocaban os lumes, a Policía Nacional montou un dispositivo de vixilancia polas rúas da capital e finalmente localizou aos presuntos pirómanos. Os axentes detivéronos e requisáronlle os chisqueiros.

Como consecuencia dos incendios, os dous colectores quedaron totalmente calcinados. Ademais, rexistráronse danos no toldo da frutería, nas fachadas de dous edificios e en dous vehículos. Ademais da pena de prisión, o fiscal pide que os acusados indemnicen ao Concello con 1.624 euros polos colectores, que tiveron que reporse.

Pide ademais que lle paguen algo máis de 10.300 euros en total ás dúas comunidades de veciños que resultaron afectadas e preto de cen euros aos dous propietarios dos coches que sufriron danos. En total, a canallada podería custarlles aos dous acusados máis de 12.000 euros.

Comentarios