Dous lucenses gañan no mesmo día un premio da Primitiva case idéntico

Foron premiados con 48.000 euros ►Cada agraciado comprou o boleto nun sitio distinto Ambos acertaron cinco números e o complementario

A sorte estaba botada e o azar uniunos co mesmo destino en forma de premio sen saber un do outro. Dous lucenses resultaron agraciados á vez co sorteo da Lotería Primitiva do pasado sábado, tras adquirir senllos boletos que lles deu a máquina de forma aleatoria e acertar cinco dos seis números premiados e o complementario.

Non é habitual que isto suceda na mesma cidade o mesmo día pero o que aínda é menos común é que ambos os xogadores teñan o mesmo número complementario, que era o 2. A combinación gañadora foi a formada polos números 5-6-8-26-39-40.

«É moi curioso que, en ambos os casos, o único número que fallasen fose, precisamente, o mesmo que o complementario e tamén choca que isto pase nunha mesma cidade e no mesmo sorteo. En concreto, o meu cliente, que acertou cinco números e o complementario, cobrará 48.729 euros. Se non acertase o complementario, o premio fose sensiblemente inferior, duns 70 ou 80 euros. A diferenza é importante», explica José Manuel Gómez, titular da administración de lotería número 9 de Lugo, onde foi adquirido un dos boletos e onde o pasado mércores foi selada unha quiniela de pleno ao 15, que deixou 10.506 euros.

MESÓN DO SUSO. A outra aposta gañadora foi comprada no Mesón do Suso, en Garabolos. Como no caso anterior, o boleto foi emitido por unha máquina a un prezo de 2 euros. A cambio, o cliente do bar recibiu 48.731 euros, aínda dous euros máis que o anterior polo reintegro. Negocio redondo. «Hai pouco máis dun ano que temos a máquina e, ata agora, demos xa varios premios, máis pequenos que este pero si de 3.000, 2.000, 1.500...», di a dona do establecemento hostaleiro.

Comentarios