Doce rúas do centro péchanse hoxe ao aparcadoiro pola Volta

A restrición comezará a aplicarse ás catro desta tarde e durará ata mañá

O Concello prohibirá hoxe aos condutores estacionar en doce rúas debido ao paso da Volta este mércores por Lugo, que será final de etapa cun percorrido total pola cidade de 16 quilómetros.

A prohibición de estacionar entrará en vigor esta mesma tarde, a partir das catro, e afectará as rúas Castelao, Vilalba, Ángel López Pérez, Ronda da Muralla, Avenida da Coruña, Concepción Arenal, Anduriñas, Camiño Real, Ourense, Mondoñedo, Pontevedra e Praza do Ferrol.

Ademais, o Concello tamén reestruturará a circulación con cortes totais ou parciais en distintas rúas, principalmente na Ronda, desde as dez da noite de hoxe ata que finalice o paso da Volta, mañá, ás cinco en Pórtaa de San Fernando.

O pelotón ciclista entrará pola Ronda Norte cara á rúa Hortensia, praza de Garabolos, N-VI (dirección Madrid), glorieta Vítimas do Terrorismo, Paseo do Rato, rúa San Eufrasio, praza Conde Fontao, rúa Castelao, Ronda da Muralla (en sentido contrario ao habitual), praza da Constitución, rúa Ángel López Pérez, praza Xaquín Lorenzo, rúa Vilalba e Ronda Muralla, outra vez, ata a Porta de San Fernando, onde será a meta de fin de etapa.

Comentarios