Dobre peaxe lucense no horizonte

O anuncio do Goberno central de cobrar a partir de 2024 peaxe en autovías e estradas do Estado que hoxe son gratis sería lesivo para calquera peto, pero castigaría dobremente o dos lucenses, porque teñen a maior rede estatal de autovías da comunidade e porque a súa dispersión poboacional obriga a abusar do coche

En el horizonte de las carreteras lucenses aparecen los peajes que quiere implantar el Estado en 2024. EFE
photo_camera No horizonte das estradas lucenses aparecen as peaxes que quere implantar o Estado en 2024. EFE

Circular gratis por autovías e estradas principais podería ter os días contados. Tras varios intentos frustrados, o Goberno central parece que finalmente aplicará unha medida moi impopular, pero cada vez máis frecuente en Europa, como se viu recentemente no veciño Portugal. Esta vez non queda outra, porque nolo impón a UE, pero tamén a propia necesidade do Estado alimentar unhas arcas públicas en números vermellos. As novas peaxes xa asoman no horizonte

1. O debate de fondo 

Sobre a mesa está pagar polo uso de autovías e estradas de titularidade estatal co obxectivo de financiar o mantemento da rede viaria. Non é un debate novo nin moito menos en España, pero ata agora ningún Goberno se atreveu a aplicar unha medida tan impopular coma esta. De feito, o actual Executivo situouna no horizonte de 2024 —logo dunhas hipotéticas eleccións— porque ninguén quere ir a unha batalla electoral con isto na mochila. Pero o Executivo de Mariano Rajoy tamén estivo xa botando contas e chegou a encargar un estudo á enxeñería de Ineco no que se barallaba a súa implantación para 2021. O que fixo a actual crise económica foi acelerar o proceso, xa que a débeda agora a un Estado necesitado de recadar. Por moi impopular que sexa o método. 

Con todo, existe outro debate de fondo nesta polémica: se as infraestruturas xa se pagan cos impostos convencionais ou se xa se subiu no seu día a carga fiscal dos combustibles alegando que era para mantemento viario... ¿por que agora este novo sablazo aos contribuíntes? Un cobro que, ademais, non afectará igual ao conxunto do país, porque non todos teñen a mesma lonxitude de rede viaria estatal, nin a mesma dispersión poboacional, nin as mesmas alternativas de mobilidade... Neste escenario, a provincia de Lugo sairá especialmente damnificada se se aplica a medida. 

Sen terminar a A-54 nin a A-56 Lugo xa ten case a metade de quilómetros da rede de autovías do Estado na comunidade

2. Lugo, rei das autovías 

A rede de estradas de titularidade estatal en Galicia ten 2.376 quilómetros entre autoestradas, autovías e nacionais. Dese total, 560 quilómetros corresponden a autovías libres, dos que practicamente a metade (235 quilómetros) están en Lugo, en base aos datos do Ministerio de Fomento de 2018, os últimos oficiais. Son 235 quilómetros hai tres anos aos que habería que sumar o que se avanzou na A-54 (Lugo-Santiago) e aos que se incorporará, non se sabe cando, a A-56 (Lugo-Ourense). É dicir, case outro centenar de quilómetros. Son moito máis que os 77 quilómetros de autovía estatal libre da Coruña (A-6), os 81 de Pontevedra (A-52 e A-55) ou os 167 de Ourense (A-52). 

Se o Goberno decide no futuro cobrar tamén polas estradas convencionais de titularidade estatal, novamente a provincia lucense sairía trasquilada: 528 quilómetros fronte aos 356 da Coruña, os 353 de Ourense ou os 328 de Pontevedra. 

É certo que as provincias atlánticas son as únicas que soportan quilómetros de peaxe estatal e galega, pero a A-8, a A-6 e a A-52 constitúen a discriminación positiva aplicada á Galicia interior para achegala aos principais núcleos de dinamización económica. Cobrar polas autovías suporá eliminar esa discriminación positiva e, consecuentemente, volver agravar a brecha entre as dúas Galicias

3. A falta de alternativas 

O cobro en autovías e outras estradas tamén varía dun territorio a outro dependendo da súa configuración socioeconómica. O eixo atlántico galego, por exemplo, está hiperconectado con tren e articulado en base a cinco cidades con potentes redes de transporte público metropolitano. É dicir, a oferta de mobilidade, tanto persoal como comercial, non depende tanto do vehículo particular. 

As autovías gratis son unha discriminación positiva que achega Lugo e Ourense aos polos económicos; sen elas, a fenda incrementarase

Pero en Lugo a cousa cambia. Non hai conexión norte-sur por tren e onde existe é decimonónica e sen apenas frecuencias. O transporte público tampouco é exemplar e, aínda por riba, toda a provincia está vertebrada a nivel de comunicación ao redor das autovías do Estado: A-8, A-6, A-54 e, no futuro, A-56. E todo iso cunha agravante: unha dispersión poboacional que xera unha enorme dependencia do coche particular. Unha cidade lineal como A Mariña ten o hospital en Burela, Facenda en Foz e a Seguridade Social en Viveiro, servizos vitais para case 80.000 habitantes que teñen que acceder a eles en coche, si ou si. En Lugo non hai alternativas. 

4. Cambio de mentalidade 

Cando un condutor chega a unha zona de peaxe dunha autoestrada galega dáse unha situación entre irónica e indignante: o pago fácil. Así loce nos carteis das cabinas que non teñen cobrador. Poderían chamarlle pago automático ou pago rápido, pero o de pago fácil soa a recochineo, porque se hai un diñeiro do que custa desprenderse ese é o das peaxes. ¿A razón? Que xamais se perciben os resultados dese pago. Ocorre na AP-9, por exemplo, unha das autoestradas máis caras de España e que ten tramos salpicados de fochancas, cada vez menos persoal en cabinas, a maleza próxima á beiravía, non se levantan as barreiras nos episodios de atascos por obras ou sarabiadas históricas... En definitiva, nin un indicio de mellora malia o sabrazo da peaxe

Esa é a experiencia coas peaxes dos galegos. Os mesmos aos que a curto prazo lles queren pedir que paguen, ademais, por un servizo do que gozaron durante moitos anos gratis. E aí radica a dificultade do cambio de mentalidade. Ninguén convencerá un cidadán de que é bo pagar en autovías. No mellor dos casos verano como un imposto. No peor, como un atraco. 

Pagar unha peaxe sempre é difícil, pero aínda máis se se ten en conta que será por un servizo que durante anos se gozou gratis

5. Os danos colaterais 

Cobrar polas autovías que vertebran o país penalizará a actividade económica e o peto do contribuínte, pero tamén terá outros danos colaterais, como o aumento do tráfico nas vías convencionais, onde falecen 8 de cada 10 vítimas de circulación. Son estradas que ademais teñen graves carencias de mantemento, abandonadas nos últimos anos froito da aposta por desenvolver a rede de autovías e vías de alta capacidade. E coa agravante, no caso galego, de que moitas desas estradas cruzan pobos, zonas poboadas ou teñen casas coa porta metida directamente na beiravía.

Comentarios