A Deputación rexeita Turgalicia polas "condicións inaceptables" da Xunta

García Porto sostén que "a Xunta decide sempre de xeito unilateral a axenda, as datas e os tempos" ► Javier Arias lamentou que a administración provincial atendera "a criterios de partido" á hora de comunicar que non estará no stand
La diputada Pilar García Porto. EP
photo_camera A deputada Pilar García Porto. EP

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, informou este xoves de que a institución provincial comunicoulle á Xunta de Galicia que non estará presente este ano na caseta de Turgalicia en Fitur

Segundo explicou García Porto aos medios de comunicación, esta decisión foi adoptada por mor da "imposición de condicións inaceptables" por parte da administración galega, "ao entremeterse e condicionar a organización dun acto que preside e do que só é responsable a institución provincial".

Afirma que "a Xunta decide sempre de xeito unilateral a axenda, as datas e os tempos, tratando de relegar aos propios representantes da Deputación e aos seus invitados a postos secundarios".

"Todo", engade, "para apropiarse do protagonismo na presentación dun proxecto que non é seu e no que non participa para nada".

Segundo García Porto, " Deputación nunca se lle ocorrería impor a planificación dun acto á Xunta", polo que esixe "o mesmo respecto institucional e poder organizar con liberdade unha presentación adecuada ás características da campaña e da propia estratexia" da institución en materia de turismo.

A deputada socialista di que a Xunta "leva anos incumprindo a cortesía e o respecto institucional", porque "a caseta de Turgalicia non pode ser unha pasarela para que desfilen os altos cargos da Xunta", senón "o gran escaparate do turismo galego".

Insiste en que "o obxectivo da Deputación foi e sempre será conseguir a máxima proxección e repercusión da oferta turística" coa que conta a provincia.

Ademais, insta a que "en anos sucesivos a Xunta de Galicia tome nota e teña en conta as opinións e as necesidades das deputacións á hora de deseñar a axenda en Fitur, repartir as datas e os tempos e organizar o protocolo cos invitados".

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomei, presentará a nova campaña de turismo da institución, Lugo, provincia de cine, o vindeiro xoves, 20 de xaneiro, na caseta de Turespaña. 

Segundo a Xunta, a Deputación de Lugo atende a criterio de partido deixando Turgalicia

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, lamentou que a Deputación Provincial haxa atendido "a criterios de partido" á hora de comunicar que non estará presente este ano na caseta de Turgalicia en Fitur, no canto de primar "o interese do sector turístico da provincia".

Sostén que a Deputación de Lugo seguiu, por directrices de partido, "a estratexia de confrontación iniciada pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo".

"É unha pena que sigan a mesma postura que Pontevedra nunha decisión que non se entende, máis aló de que fagan seguidismo e de que obedezan unha orde xeral" de partido, dixo Arias, "porque non poden asumir a presenza da Xunta na súa propia caseta".

"É unha decisión que non entendemos", insistiu, "non sabemos a que responde" e "estraña aos lucenses".

Javier Arias, no edificio administrativo da Xunta en Lugo. XESÚS Ponche

De feito, Arias recordou que "na tarde deste mércores a Deputación de Lugo preguntou quen ía asistir ao seu acto por parte da Xunta" e confirmóuselle ao goberno provincial a "asistencia do vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e eu mesmo".

Para Arias, o "máis grave desta ruptura" é que supón "unha irresponsabilidade por parte destes políticos asentados no conflito", ademais dunha "falta de respecto a todos os lucenses que viven do sector turístico".

"É unha forma máis de alimentar o cansazo de todos os cidadáns polos políticos que se comportan así", engadiu.

En todo caso, pediulle ao "presidente da Deputación de Lugo que recapacite" e que "pense no que é mellor para a provincia e para a difusión das súas posibilidades desde o punto de vista turístico, unida á marca Galicia e ao Xacobeo".

Comentarios