A Deputación reactiva a adxudicación dos hortos urbanos do Rato e Paradai

A xunta de goberno provincial licita o contrato para a xestión de 175 parcelas durante dous anos cun orzamento de 180.000 euros
AppleMark
photo_camera Os hortos tras o seu acondicionamento o pasado inverno para o novo plan de uso. ARQUIVO

A xunta de goberno da Deputación aprobou este venres a licitación do contrato para a xestión dos 175 hortos urbanos do Rato e Paradai por uns 180.000 euros, cunha duración de dous anos.

Estas parcelas situadas no cinto verde de Lugo levan máis dun ano sen uso tras ser sometidos a unha reordenación. Unha vez executáronse as obras, o estado de alarma paralizou o proceso de aprobación do regulamento de utilización e a repartición dos terreos, polo que a licitación do contrato para a prestación do servizo de dinamización e posta en valor dos mesmos reactiva a adxudicación destes hortos.

Segundo explicou  o presidente da Deputación, José Tomé a función da empresa que resulte adxudicataria deste contrato será asesorar aos usuarios das parcelas en temas relacionados coa horticultura ecolóxica e na xestión de recursos, materiais e maquinaria que o ente provincial poida pór á súa disposición para o cultivo dos terreos.

A empresa tamén deberá xestionar e organizar o día a día nos hortos, cun horario de atención presencial, telefónico e tamén por medios dixitais, ademais de elaborar un programa formativo interno para os propios usuarios, no que se recollan guías de boas prácticas, información, charlas e seminarios, e visitas a outros proxectos semellantes ou experiencias de agricultura ecolóxica. Ocuparase así mesmo de desenvolver un programa formativo externo, abrindo as actividades a persoas alleas aos hortos.

En canto ao proceso da adxudicación das parcelas, José Tomé indicou que a previsión é que no prazo dun mes estea finalizado, se o procedemento segue o ritmo esperado.

Comentarios