A Deputación programa actuacións musicais e escénicas online con motivo do Día das Letras Galegas

Esta iniciativa "pretende trasladar ás redes o carácter reivindicativo e lúdico que acompaña a celebración desta xornada"
Maite Ferreiro. XESÚS PONTE
photo_camera Maite Ferreiro, nos corredores de San Marcos. XESÚS PONTE

A área de Cultura da Deputación de Lugo anunciou que celebrará o Día das Letras Galegas cunha programación en liña que inclúe unha decena de actuacións musicais e escénicas, que poderán ser seguidas a través da canle que ten en Youtube a Vicepresidencia da institución provincial, entre os días 17 e 27 de maio, a partir das 19.00 horas.

Segundo informou a vicepresidenta da institución e responsable de Cultura, Maite Ferreiro, completan o cartel deste festival en liña Davide Salvado,  Raiceira, Ugia Pedreira, Pepe Vaamonde, Mamá Cabra,  Micromina Monicreques, Ana Carreira, Lois López, Olga  Novo e Mariña Oural.

Esta iniciativa, precisou, coa que tamén colabora a área de Cultura do Concello de Lugo, "pretende trasladar ás redes o carácter reivindicativo e lúdico que acompaña a celebración do Día das Letras  Galegas, dedicado este ano ao profesor e escritor Ricardo Carvalho Calero".

Trátase, ademais, dunha "forma de apoiar aos profesionais da cultura, un dos sectores que está a sufrir o impacto da crise do  Covid-19, pola suspensión dos espectáculos en vivo".

Ademais dos artistas citados, entre os que figuran músicos, actores, actrices, narradores e poetas, a realización desta programación involucrou a unha decena de profesionais que traballaron na produción e realización das actuacións, gravadas durante esta semana no Auditorio Gustavo Freire.

Comentarios