A Deputación de Lugo realiza un cribado e pecha o Centrade polo positivo dun deputado

O presidente e o seu gabinete xa se someteron ás probas, nas que deron negativo como resultado
Sesión de pelnos en San Marcos.ADRA PALLÓN
photo_camera Sesión de pelnos en San Marcos.ADRA PALLÓN

A Deputación de Lugo decidiu incrementar as súas medidas de protección, así como levar a cabo un cribado entre parte do seu persoal, tras detectar o positivo por covid-19 do deputado da área de Promoción Económica e Social, así como o contacto estreito dun traballador do Centro de Artesanía e Deseño (Centrade) cun positivo.

Así, levouse a cabo unha desinfección integral das dependencias da área de Benestar Social e Emprego do Pazo de San Marcos, á que pertence o deputado que deu positivo.

Do mesmo xeito, realizarase un cribado entre o persoal que tivo contacto estreito ou que traballa nos mesmos departamentos, tanto coa persoa que deu positivo, como coa que está pendente de resultado da PCR. As probas realízanse ao longo deste xoves e venres.

En total, faranse 30 probas de detección da covid-19, aínda que poderán ampliarse en función das avaliacións que efectúe o servizo provincial de prevención. Membros do goberno e do gabinete de Presidencia, incluído o propio presidente, xa se fixeron as probas, con resultado negativo.

Finalmente, decrétase o peche ao público do Centro de Artesanía e Deseño (Centrade), como medida de prevención mentres non se coñecen os resultados das probas de detección.

Todos os traballadores dos servizos de Benestar, Emprego e Centrade, e o persoal que tivo contacto estreito tanto co deputado de Promoción Económica e Social como co traballador do Centro de Artesanía, realizan traballo a distancia, en tanto non se confirmen os resultados das probas. 

Comentarios