A Deputación de Lugo destina 24.000 euros para a atención a colectivos con capacidades diferentes

Organiza ademais, en colaboración co Campus, un curso para mellorar a xestión das explotacións leiteiras ante a Covid-19
José Tomé. EP
photo_camera José Tomei. EP

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e a presidenta da Anpa do Centro de Educación Especial Santa María de Lugo e da Asociación de Persoas con Parálise Cerebral (Aspace), María del Carmen Bermúdez Lodeiro, asinaron este xoves no Pazo de San Marcos dous convenios de colaboración para apoiar a estas dúas entidades. 

O organismo provincial destina 12.000 euros para colaborar na actuación Nós tamén xogamos, que realiza o Anpa do Centro Santa María. Este programa consiste na realización de lecer e tempo libre con case 10 alumnos con discapacidade do colexio. As actividades realízanse durante o curso escolar e, ademais, durante cinco semanas no verán. 

A Deputación destina outros 12.000 euros a Aspace para o Programa de estimulación multisensorial, que consiste na realización de actividades, como pode ser piscina climatizada ou sesións de fisioterapia, das que poden gozar case 20 usuarios. 

O presidente subliñou o compromiso da institución cos colectivos do terceiro sector para mellorar o benestar e a calidade de vida de persoas con capacidades diferentes.

CURSO PARA MELLORAR A GESTIÓN DE EXPLOTACIóNS. Por outra banda, a Deputación informou de que, en colaboración co Campus Terra da USC, organiza un curso en xestión técnico económica de explotacións leiteiras dirixido a profesionais do sector co fin de formalos neste ámbito ante o novo escenario provocado pola pandemia. 

A formación, que será semipresencial, arrincará este venres a cargo do asesor agrogandeiro Xan Pouliquen. é gratuíta e dispón de 50 prazas.

ACTIVIDADES DE LECER. A institución provincial tamén informou de que organiza actividades gratuítas de lecer en espazos fluviais da provincia adaptadas á nova normalidade para promocionar o turismo interior e de natureza. 

Desde este venres e ata o 6 de setembro desenvolveranse sete xornadas con kaiak, paddle surf, inchables e outros xogos nos concellos lucenses da Pontenova, Alfoz, Trabada, Guitiriz e Navia de Suarna. 

Segundo a Deputación, aplicarase un estrito protocolo de seguridade para o desenvolvemento das actividades, con grupos reducidos de 10 persoas, circuítos de entrada e saída e un axente anti-covid para controlar as medidas preventivas e a desinfección do material. 

As incripciones no programa, dirixido a maiores de seis anos, pódense facer unha hora antes de cada actividade ou no número de teléfono 636.504.155. 

Comentarios