A Deputación envía libros sobre Xela Arias a 140 centros educativos de Lugo

Ferreiro explicou que "con esta repartición cúmprese co obxectivo fundamental destas publicacións, que é chegar ao público e divulgar a vida e obra do poeta"
Xela Arias. EP
photo_camera Xela Arias. EP

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo informou de que, durante esta semana, está a enviar a 140 centros educativos da provincia un lote de libros con diferentes publicacións ao redor da figura de Xela Arias, a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Nese lote de libros figura un exemplar de Non te amola, unha recompilación de relatos escritos pola autora sarriá, con vivencias da súa infancia e que permaneceron inéditos ata a súa publicación este ano por parte da Editorial Galaxia, con ilustracións de Luz Beloso.

Ademais, inclúe un exemplar de Intempestiva, unha biografía literaria de Xela Arias escrita pola profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e crítica literaria Montse Pena; así como Xela quixo ser ela, un estudo en clave biográfico asinado por Yolanda Castaño, que indaga na orixe do carácter innovador e feminista da obra da autora homenaxeada.

No caso dos centros de secundaria, o lote remitido pola Deputación tamén inclúe Poesía reunida (1982-2004), de Xela Arias, un volume que recolle a obra poética da autora nese período da súa vida, con edición e notas de María Xesús Nogueira.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, explicou que se trata de exemplares adquiridos polo Servizo de Publicacións da institución" co "obxectivo de apoiar a produción editorial en galego e, especialmente este ano, os títulos vinculados ao estudo de Xela Arias".

Ademais, "con esta repartición entre os centros educativos cumprimos co obxectivo fundamental destas publicacións, que é chegar ao público e divulgar a vida e obra do poeta", engadiu Ferreiro, ademais de "ofrecerlles" aos propios centros recursos para "traballar sobre a figura da autora". 
 

Comentarios