A Deputación destinará 500.000 euros para unha oficina de asesoramento a pemes

O diñeiro que se investirá obtívose de fondos europeos

Pilar García Porto. AEP
photo_camera Pilar García Porto. AEP

A portavoz socialista do goberno da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, anunciou este venres que a institución "conseguiu captar" 500.000 euros de fondos europeos para desenvolver o programa Acelera Peme, a través do Goberno central. 

Trátase dun "proxecto que vai servir para fortalecer o tecido empresarial da provincia, sobre todo o tecido empresarial do rural, a través do apoio e asesoramento gratuíto ás pequenas e medianas empresas en materia de transformación dixital". 

En concreto, a xunta de goberno provincial aceptou esta axuda de 400.000 euros que a Deputación tratará de completar con outros 100.000, para así chegar ao medio millón en total, tal e como concretou García Porto. 

A portavoz socialista ha puntualizado que, con este investimento, a provincia poderá ter en funcionamento "durante dous anos" unha oficina con sete traballadores para poder ofrecer asesoramento, soporte en materia de transformación dixital ás medianas e pequenas empresas de concellos con menos de 20.000 habitantes, que son todos menos a cidade de Lugo. 

"Este asesoramento vai ser totalmente gratuíto para as empresas e ademais vai ser personalizado, é dicir, que se vai a adaptar ás características de cada negocio", sinalou. 

A oficina de asesoramento "terá unha sede física, na Deputación (no Pazo de San Marcos), e ademais unha sede virtual". A maiores, vai ter presenza no territorio desprazándose a través dunha rede de cinco oficinas móbiles, que irán pola Mariña, A Chaira, na zona centro, na montaña e na zona sur da provincia. 

Comentarios