A Deputación fará un cribado tras dar positivo en covid Oliver Laxe

Apraza as Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural 'O que non arde'
Óliver Laxe. ARCHIVO
photo_camera Oliver Laxe, esta semana. ARQUIVO

O servizo de prevención da Deputación de Lugo fará probas de detección de coronavirus a todas as persoas e servizos da institución que o pasado martes estiveron en contacto co cineasta Oliver Laxe, que deu positivo en covid. Así é que oito persoas están citadas para someterse ás probas o luns ás dez da mañá.

O obxectivo, segundo asegura a institución, é "extremar as precaucións, aplicando o protocolo propio que complementa o do Sergas". Laxe participou hai uns días nun evento nos xardíns do pazo de San Marcos, onde se presentaron as Xornadas de Silvopastoreo e Desenvolvemento Rural O que non arde. 

O positivo obrigou a aprazar as xornadas, que estaba previsto celebrar entre os días 25 e 27 na Casa Quindós de Vilela, en Navia de Suarna. A decisión foi acordada coa Asociación Ser e a Sociedade Galega de Forraxes, "de forma preventiva" e "á espera de que se comuniquen os resultados das probas realizadas aos contactos directos".

Tanto o adiamento como a nova data comunicaranse de forma individual a todas as persoas que realizaran a súa preinscrición no evento.