Deputación, Concello e USC rexeitan a posible supresión de catro graos no Campus Terra

O reitor asegura que o que se busca o readaptar a oferta pero non suprimir titulacións

Encuentro entre la USC, el Concello y la Diputación. EP
photo_camera Encontro entre a USC, o Concello e a Deputación. EP

O presidente da deputación de Lugo, Darío Campos, a alcaldesa, Lara Méndez, e o reitor da USC, Antonio López, coincidiron en rexeitar a supresión de graos no campus de Lugo. 

Serían catro os graos, que se está valorando suprimir, todos eles de enxeñería: Civil, de Procesos Químicos Industriais, Forestal e outro grao vinculado a procesos agrícolas. Un rexeitamento que trasladaban á prensa logo da firma dun convenio entre universidade e Deputación, por un importe de doce mil euros. 

Darío Campos puxo en valor a "colaboración coa USC, con máis de 5 millóns de euros desde hai catro anos, e como exemplo está a granxa experimental de leite e os 900 alumnos que puideron acceder a axudas para pagar a metade da matrícula". 

Así, o presidente provincial, asegurou que a Deputación "non vai permitir que se faga ningún recorte en graos ou titulacións na provincia, porque o campus xera a día de hoxe cos estudantes que hai máis de tres millóns de euros de beneficios ao mes". "Creo que é importante para a provincia, para a sociedade lucense, manter todos os graos e si hai que facer algunha reestruturación haberá que negociala", razoaba. 

López: "Trátase de readaptar títulos, non de reducilos"
O reitor, Antonio López, logo de agradecer "a aposta que se fai desde a Deputación e o Concello polo campus e pola universidade", apresurouse en aclarar que se está en fase de revisión "de oferta de títulos". 

López concretou que se trata de readaptar "a oferta ás necesidades, á empregabilidade, á demanda" e estanse "revisando títulos para implantar novos títulos". "Pero non imos pola vía de reducir a oferta de títulos, senón simplemente reformular para facer unha oferta formativa o máis atractiva posible". 

Finalmente, a alcaldesa Lara Méndez plantábase dicindo que Lugo "non vai sufrir ningunha redución máis, porque Lugo xa sufriu unha redución de titulacións". "Hai que transmitir tranquilidade, porque esta incerteza que estamos a xerar pode provocar que xente que queira vir estudar a Lugo o pense e cambie de opción. É importante saír de aquí cunha mensaxe de tranquilidade", concluíu. 

Comentarios