O Rato terá un carril-bici de 2,5 quilómetros

As obras poderían empezar en abril, segundo informaron Deputación e Concello

O portavoz da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, e a alcaldesa da cidade, Lara Méndez, informaron este domingo de que ambas as institucións dotarán o Paseo do Rato dun carril bici de 2,5 quilómetros.

O proxecto suporá un investimento de 675.800 euros e o percorrido irá desde Tolda da Castela ata o cruzamento da estrada do Rato coa LU-530, que comunica Lugo coa Fonsagrada.

Ambas as institucións esperan iniciar a contratación destas actuacións a próxima semana, tras aprobarse o proxecto, e as obras poderían iniciarse en abril.

O carril para bicicletas situarase entre o paseo peonil e a estrada. Ademais, no seu inicio, na Tolda, instalarase unha zona de lecer, con bancos e paneis informativos. O carril situarase sobre unha tarima de 2,5 metros de ancho e disporá en todo o seu percorrido de pasamáns de seguridade de madeira duns 90 centímetros e alto.

Empregaranse materiais "antiesvarantes e respectuosos co medio ambiente", indicaron Santos e Méndez, que recordaron a importancia de potenciar este pulmón verde da cidade e puxeron o foco noutras actuacións xa acometidas como a iluminación do paseo.

Comentarios